O Grupo eMonte presenta tres novos recursos TIC para impulsar o noso sector forestal

venres, 20 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Na imaxe, Víctor Rivas, promotor de eMonte

Os responsábeis da plataforma dixital eMonte.es, iniciativa galega dirixida a tirar partido das novas tecnoloxías para favorecer a compravenda de madeira na nosa terra (facilitando o fluxo de operacións forestais coa aplicación de novas tecnoloxías), veñen de dar a coñecer os seus últimos resultados e novidades (un portal e dúas aplicacións web) na Escola Superior Politécnica de Lugo. No acto, os impulsores da plataforma TIC, como lembraremos recentemente galardoada pola Deputación da Coruña, achegaron unha serie de datos de interese sobre a actividade que lles colle de preto, por exemplo: que o pasado vendéronse en Galicia máis de 6.200 leiras rústicas, e a nivel estatal 125.000. O Grupo Operativo de Innovación eMonte está integrado polo Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia, a Universidade de Santiago, eMonte Solucións Forestais e Manuel Graña. Creouse coa finalidade de “permitir que todos os axentes do eido forestal galego puidesen realizar as xestións de seu dunha maneira máis sinxela, a partir da aplicación das TIC”.
No acto, os impulsores da plataforma fixeron tamén un percorrido polas novidades introducidas no seu seo durante este último ano, novas ferramentas co obxectivo de facilitar distintas tarefas vencelladas ao sector forestal. Por exemplo o portal Vendofinca.es, portal inmobiliario en liña que xorde co obxectivo de converterse nun punto de encontro para as persoas que estean interesadas no mercado de compra e venda de leiras rústicas. Segundo se fixo saber na cita no Campus de Lugo, o portal “pretende cubrir o baleiro deixado polos grandes portais inmobiliarios en liña, centrados na compra e aluguer de vivendas”. Pola contra, a ferramenta Vendofinca.es pon o foco nas leiras rústicas, desde parcelas agrícolas até forestais. O portal, sinalaron, salienta pola súa sinxeleza de uso e por estar centrado na identificación das leiras rústicas a través dun mapa interactivo. Así, de cara aos anunciantes, a incorporación das súas entradas unicamente require que se rexistren na plataforma e incorporen a leira a través de catro sinxelos pasos a través dun proceso que é de balde. Por certo que dende a posta en marcha do portal, máis de 300 leiras rústicas incorporáronse ao portal.
Outra das novidades é eMonte Cubicar, unha aplicación que permite estimar o volume de madeira coa que conta unha parcela, tendo en conta varios datos como son a altura total da árbore, o seu diámetro, a especie da madeira ou o número total de árbores por parcela. Con esta aplicación, permítese estimar o volume de material dun lote de árbores das principais especies forestais de Galicia. Segundo se fixo saber no acto, “a ferramenta axuda aos propietarios forestais a xestionar as súas plantacións e á toma de decisións, amais de converterse nun excelente recurso de traballo para as empresas rematantes distribuídas por toda Galicia, posto que lles axuda a obter unha previsión da materia prima que se obterán en cada aproveitamento forestal”.
O feixe de cousas novas tamén inclúe outra ferramenta, eMonte conxuntas, unha aplicación web que destinada a axudar aos propietarios forestais na venda de lotes de madeira situados en parcelas dun tamaño moi reducido, feixes que na actualidade non suscitan gran interese para o seu aproveitamento forestal. A venda conséguese mediante a súa conversión en lotes dunha meirande envergadura a través da unión por Internet de propietarios forestais con parcelas nun ámbito xeográfico próximo.

PUBLICIDADE