O HP Slate podería chegar finalmente con Windows 7

mércores, 21 de xullo do 2010 Marcus Fernández

Tras a adquisición de Palm por parte de HP non foron poucos os rumores que apuntaban a que o HP Slate, tablet da compañía que funcionaría co sistema operativo de Microsoft, quedaría aparcado para permitir o desenvolvemento dun tablet que funcionase con webOS, pero nas últimas horas distintas informacións apuntan a que o produto segue en proceso, pois na propia web de HP apareceron parte das especificacións do HP Slate 500, que funcionaría con Windows 7 Premium, contaría cunha pantalla de 8,9 polgadas, 2 cámaras (facilitando a videoconferencia) e incluso a posibilidade de operar cunha pluma para escribir ou debuxar coma se fose un caderno. Na web de EnergyStar tamén detallan que contará cun procesador de 1 núcleo a 1,6 GHz, 1 Gb de RAM e un consumo enerxético medio de só 5,38 vatios.
Aínda non está confirmado o lanzamento do produto, nin detalláronse as súas especificacións completas, pero non sería de sorprender que antes de rematar o ano aparecese no mercado, o que tampouco debería de entrar en conflito coa adaptación de webOS a dispositivos neste formato.


Vídeo no que HP amosa algunhas das posibilidades do seu futuro tablet

PUBLICIDADE