O HTC Hero sorprende ao incorporar soporte de Flash

mércores, 24 de xuño do 2009 Marcus Fernández

A familia de móbiles co sistema operativo Android recibirá en breve un novo membro que vén de anunciar hoxe o seu fabricante, e que suporá unha interesante novidade, pois o HTC Hero non destaca en absoluto polo seu hardware (moi semellante ao do HTC Magic) senón porque servirá para lanzar a nova interface HTC Sense e o seu navegador web incluirá soporte de Flash.
O HTC Hero conta cunha pantalla táctil de 3,2 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles recuberta de teflón para evitar que se luxe, funciona cun procesador Qualcomm a 528 MHz, ten 288 Mb de RAM, 512 Mb de memoria interna ampliable con tarxetas microSD, conta con conectividade HSPA, Wi-Fi e Bluetooth, inclúe A-GPS, compás e sensor de inclinación.
As súas dimensións son de 112 x 56,2 x 14,35 milímetros, pesa 135 gramos, inclúe unha cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático, reproduce audio en MP3, AAC, WAV, MIDI e WMA e vídeo en MPEG-4, H.263, H.264 e WMV, e como detalle tamén podemos mencionar que inclúe unha especie de trackball que facilita moverse pola súa interface sen usar a pantalla táctil (algo que se agradece especialmente ao manexarse en certas páxinas web).
As pequenas aplicacións presentes en pantalla permiten acceder a múltiples servizos baseados na Internet, e resulta especialmente práctico que cando visualicemos un contacto poidamos ver non só as súas últimas chamadas, senón as súas interaccións noutras plataformas (coma os seus últimos correos electrónicos, as súas actualizacións de perfil ou as últimas fotografías que subiu).
As novidades que presenta este terminal dá a entender que Android pode ser a medio prazo un forte competidor para o resto de smartphones, pois será tan axeitado para a reprodución multimedia como para os usos profesionais.
Agárdase a súa chegada a España no mes de xullo, aínda que non se precisou nin o seu prezo nin as operadoras que o venderán (aínda que vendo que Movistar e Vodafone teñen o HTC Dream e HTC Magic respectivamente, non sorprendería que o HTC Hero fose a parar a mans de Orange para a súa distribución).


Detalles da interface de uso do HTC Hero

PUBLICIDADE