Tras a boa recepción que tivera o HTC One, resultaba evidente que o fabricante taiwanés procuraría seguir na mesma liña cun novo modelo do que veñen rumoreándose moitos detalles durante os últimos días, aínda que a principal incógnita sería o nome que recibiría (pois manter un nome tan numérico podía resultar problemático) e finalmente temos aquí o HTC One (M8), unha revisión do anterior terminal que mantén a mesma liña estética e avanza lixeiramente nas súas prestacións dun xeito bastante continuista que evita riscos na liña do que habitualmente fai Samsung cos seus GALAXY S.
O HTC One (M8) volve ter unha carcasa dunha peza de metal, o que dálle un toque de calidade que parece a chave do éxito do seu predecesor, pero desta volta incrementa a súa pantalla Full HD ata as 5 polgadas e incorpora algo pouco habitual en móbiles sen batería extraíble: a posibilidade de ampliar a súa memoria interna mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb (curiosamente a súa capacidade interna redúcese, ofrecéndose só en capacidades de 16 e 32 Gb).

Chegará a España a mediados de abril, e tamén será posible adquirir máis adiante unha edición Google Play deste terminal sen incorporar a capa gráfica HTC Sense.
Vídeo de presentación do HTC One (M8)
O HTC One (M8) preséntase como unha simple evolución do seu predecesor
Compartir Este Artigo

