O HTC One consegue destacar entre os novos smartphones con Android

martes, 19 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Ás portas do Mobile World Congress os fabricantes de smartphones comezan a afiar as unllas, e o primeiro en amosar as súas cartas é HTC, que hoxe mesmo presentou o seu novo móbil insignia, o HTC One, que pretende axudar á compañía taiwanesa a recuperar o terreo perdido, ao colocarse como un dos mellores móbiles con Android do mercado. Para comezar, o HTC One chega cunha impresionante pantalla Full HD de 4,7 polgadas, un potente procesador Qualcomm Snapdragon S600 de 4 núcleos de 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 32/64 Gb de almacenamento interno e batería de 2.300 mAh.
Para destacar, o novo smartphone funciona con Android 4.1.2 con HTC Sense 5 e novas características como HTC BlinkFeed (un fluxo de actualizacións sociais, novas e fotografías que conflúen no escritorio do móbil sen ter que andar saltando entre aplicacións), HTC BoomSound (altofalantes estéreo frontais cun amplificador dedicado) e HTC Sense TV (que transforma o móbil nunha guía de programación e mando a distancia para moitos televisores).
Pero a moitos poderá sorprenderlle unha das prestacións estrela do HTC One, que é a súa cámara traseira, coñecida como HTC UltraPixel, que recibe un 313% máis luz que a cámara doutros smartphones, conseguindo unhas fotografías moi superiores, para o que reduce a súa resolución aos 4 Mpíxeles, o que supón unha firme aposta para derrubar o mito dos megapíxeles (pois consegue disparar imaxes de alta calidade sen esaxerar a resolución das mesmas). Tamén conta coa tecnoloxía HTC Zoe, que vén a ser algo así como gravar un vídeo de 3 segundos no que elixir o momento exacto que queremos gardar como fotografía para a posteridade (seleccionando o mellor instante).
Para rematar podemos comentar que o HTC One conta con Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, NFC (nalgúns mercados), GPS, compás dixital, micro-USB 2.0 (para USB ou saída HDMI), cancelación de ruído, un corpo de aluminio unibody (en cor prata, negra ou vermella), un grosor de 9,3 milímetros e un peso de 143 gramos. Sobre o seu prezo, aínda que polo momento non hai información oficial sobre o tema, en Phone4u.co.uk figura a 459,95 libras esterlinas (529,75 euros), polo que podemos facernos unha idea do rango de prezos ao que podería chegar a España o mes que vén (estando confirmada a súa dispoñibilidade con Vodafone, Orange e Yoigo).

O HTC One atrévese a limitar a súa resolución a 4 Mpíxeles, prometende unha maior calidade que os seus competidores
O novo móbil de HTC logra combinar unha estética atractiva, unha boa cáamra e unhas boas prestacións de hardware apoiadas de xeito importante por software


Vídeo do evento de presentación do novo móbil de HTC

PUBLICIDADE