O HTC One max estrea versión negra

venres, 13 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Tras anunciarse que o HTC One contará cun modelo de cor dourada que busca converterse nun agasallo de Nadal para os que gusten de tal ostentosa cor, HTC anuncia agora que de cara a estas datas vai pór á venda novos modelos dos seus dispositivos estrela, de xeito que o seu HTC One max tamén contará cunha edición en negro, ampliando así a oferta cromática desta compañía que xa conta con modelos do HTC One en prata, negro, vermello e azul, adaptándose así á diversidade e gustos dos consumidores.
Dende HTC agardan que o novo modelo negro do seu dispositivo de grande tamaño (conta cunha enorme pantalla de 5,9 polgadas) consiga chamar a atención durante estas datas como un agasallo de Nadal. Este novo terminal saíu á venda en Hong Kong esta semana a un prezo de 6.198 dólares de Hong Kong (582 euros), e nos vindeiros días debería estar dispoñible en moitos outros mercados.
O HTC One max non só destaca pola súa pantalla Full HD de 5,9 polgadas, senón que tamén vén cunha configuración bastante potente: un procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, a consabida cámara ultrapíxel de HTC (con flash intelixente e gravación de vídeo Full HD con HDR) acompañada por unha boa cámara frontal de 2,1 Mpíxeles e gravación de vídeo a 1.080p, Bluetooth 4.0, Wi-Fi AC e unha xenerosa batería de 3.300 mAh. O seu grande tamaño non se nota no seu grosor (que queda nuns moderados 10,29 milímetros) pero si no seu peso (217 gramos), polo que estamos ante un smartphone dirixido a un público moi concreto.
Entre os elementos diferenciadores deste tabletófono estaría o son HTC BoomSound (que con 2 altofalantes frontais consegue unha reprodución sonora de grande calidade); a súa parte traseira incorpora un lector de pegadas dixitais para facilitar o desbloqueo do terminal e o lanzamento das aplicacións que desexemos con só deslizar un dedo; e co software HTC BlinkFeed achéganse novas das redes sociais e outras fontes.

PUBLICIDADE