O Hackathon Navantia Next Pioneers reta esta semana a 45 estudantes de Enxeñaría no Campus de Ferrol

martes, 11 de marzo do 2025 S. P.

A cuarta edición da proba colectiva Hackathon Navantia Next Pioneers celebrarase ao longo desta semana e farao retando a 45 estudantes de Enxeñaría do Campus de Ferrol (UDC) a atopar solucións innovadoras para os principais desafíos tecnolóxicos da industria naval. A proba comezará este xoves 13 de marzo, ás 14:30 horas, no edificio da Exposición Permanente do estaleiro, e logo continuará, como en anteriores edicións, no Campus Industrial de Ferrol.
Entre os estudantes da Universidade da Coruña (UDC) seleccionados para participar nesta cuarta edición do Hackathon Navantia Next Pioneers figura alumnado dos últimos cursos do grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto e do mestrado en Enxeñaría en Deseño Industrial, titulacións que se imparten na Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI). Do mesmo xeito, tamén participa neste reto alumnado do grao en Enxeñaría Mecánica, do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, do grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, do grao en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, do programa de Simultaneidade do grao en Enxeñaría Mecánica e do grao en Enxeñaría Naval e Oceánica, así como do mestrado en Enxeñaría Naval e Oceánica e do mestrado Erasmus Mundus en Sostibilidade e Industria 4.0 aplicada ao Sector Marítimo (SEAS 4.0), todos eles estudos vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).
En palabras do Campus, “o evento preséntase como unha oportunidade única para innovar, crear, aprender, colaborar e demostrar talento”.
Navantia e o Campus Industrial da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración coa Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e máis coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), presentan un espazo no que experimentar coa transformación dixital e as tecnoloxías intelixentes (SmartTech). Ao longo das 24 horas que dura esta quedada de desafíos, as persoas participantes, divididas en pequenos grupos de traballo multidisciplinares, contarán co apoio de profesionais do sector naval e da enxeñaría para acadar a solución do reto proposto.
Do mesmo xeito, os e as participantes recibirán dúas charlas motivadoras impartidas por persoal de Navantia co obxectivo de animalos e animalas a continuar traballando a contra reloxo na procura desa solución innovadora.
O xurado estará composto por persoas expertas e profesionais da industria designados por Navantia, pola Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e máis pola Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF). Tal e como se recolle nas bases do Hackathon Navantia Next Pioneers, este xurado valorará, entre outros, o grao de adecuación e impacto da solución do problema, o grao de creatividade e innovación da idea, a súa viabilidade tanto técnica como económica así como a calidade e a claridade da súa exposición. Os e as integrantes do equipo gañador obterán unha bolsa de formación dun ano de duración en Navantia Ría de Ferrol.