O Hackathon USC premia tres proxectos que reivindican as empresas familiares, as xuntanzas presenciais e o noso rural
mércores, 30 de outubro do 2024
A primeira edición do Hackathon USC Emprende rematou cun balance “moi positivo de creatividade e ideas”, en palabras da organización deste evento no que participaron case medio cento de participantes traballando en dinámicas colaborativas. Desenvolveron seis proxectos co denominador común de buscar solucións para un futuro máis sostíbel e de maior benestar, coa mentoría de diferentes profesionais. Premiouse finalmente un proxecto para asegurar a remuda xeracional nas empresas familiares, unha solución reivindicar as xuntanzas presenciais e unha plataforma de Realidade Virtual que reivindica o rural.
O xurado, composto polo director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José Luis Villaverde; a profesora do Departamento de Economía Financeira e directora da Rede de Investigación sobre Emprendemento GEM Galicia, Loreto Fernández, e o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera, decidiu outorgar o primeiro premio ao proxecto LegaSí, enfocado a asegurar o relevo xeracional nas empresas familiares e a preservar o seu legado empresarial e de coñecemento. O proxecto foi desenvolvido por Ledys Daniela Patrón de la Cruz, Javier Villar Magán, Emilia Varela Miguel e Marco Antonio Bravo Fabián.
O segundo premio foi para Cubo, pensado como solución para favorecer experiencias presenciais organizadas por grupos de persoas con afinidades e expectativas afíns, como contrapunto ao excesivo consumo de Realidade Virtual, contribuíndo así a mellorar o benestar emocional e a saúde física e mental. Foi desenvolvido por Adriano Gianni, Álex Alcalá e José Manuel Ramírez.
E o terceiro premio foi para Rural Retreat, unha plataforma de Realidade Virtual para favorecer o coñecemento inmersivo da contorna rural e poder así superar o actual despoboamento rural; o proxecto foi desenvolvido por Héctor Bouzas, Santi Albarrán, Álvaro Barreiro e Roi Ferreiro.
Os tres proxectos premiados xa pasan directamente a formar parte da vindeira edición do programa Explorer, que se celebrará en xaneiro a maio de 2025, unha iniciativa da AVTE que ofrece formación para transformar proxectos emprendedores en negocios viábeis.
O Hackathon USC Emprende contou coa asistencia do delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento, Luis Otero, que quixo motivar e animar os seis equipos participantes durante as dinámicas de traballo colaborativo. Amais, os equipos contaron coa mentoría, orientación e apoio de distintos profesionais e con sesións de formación e obradoiros (impresión 3D, Intelixencia Artificial, cortado láser e mercadotecnia dixital) como “unha oportunidade para adquirir novos coñecementos e poder aplicalos nos diferentes proxectos desenvolvidos en equipo”.