O Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixente de Ourense culmina este sábado 25

xoves, 23 de outubro do 2025 S. P.

A Deputación de Ourense, en colaboración con Area101, está a levar a cabo o Hackathon de Turismo Policéntrico Intelixente, unha iniciativa de innovación colaborativa que comezou o 13 de outubro e finaliza este 25 de outubro na Facultade de Dereito do Campus de Ourense, cando se celebrará a xornada presencial e a entrega de premios, no marco do proxecto europeo POST (Polycentric Sustainable Tourism), co-financiado polo programa Espazo Atlántico 2021-2027.
Durante este evento, equipos multidisciplinares traballaron nas solucións a cinco grandes retos relacionados coa sustentabilidade e o turismo intelixente na provincia de Ourense como laboratorio. Cada reto tiña como obxectivo mellorar a distribución do turismo na provincia e ofrecer unha experiencia máis inclusiva, sustentable e accesible.
Os cinco retos nos que traballaron estas semanas son: roteiros intelixentes e multiexperiencia, gamificación cultural e rural, mobilidade verde e accesible, resiliencia fronte ao cambio climático e recuperación da paisaxe e pasaportes territoriais e recompensas.
A xornada presencial do 25 de outubro, onde se presentarán as solucións finais, centrarase na creación de prototipos e feedback continuo. Os equipos, co apoio de mentores expertos, perfeccionarán as súas solucións e presentaranas nun pitching ante un xurado especializado. “Esta xornada será unha plataforma clave para xerar solucións sostibles, flexibles, evolucionables e adaptadas ao territorio”, indicou o deputado de Innovación, Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e A2030, Jorge Pumar Tesouro, que seguiu as dinámicas de traballo dos equipos e aproveitou a última sesión virtual previa ao evento final, para felicitar a emprendedores, desenvolvedores, deseñadores e investigadores participantes. “Todos eles enfrontáronse a cinco grandes desafíos que definen a encrucillada do turismo moderno. E fixémolo en Ourense, porque a nosa provincia, coa súa riqueza termal, o seu rural, a súa historia e os seus contrastes xeográficos, é o escenario perfecto para buscar solucións que sexan replicables en calquera lugar”.
Pumar recalcou que os participantes non só presentaron solucións a problemas reais, como a onda de incendios sufrida este verán, deseñando tamén a folla de ruta “para unha provincia que quere ser líder na integración de tecnoloxía e sustentabilidade, transcendendo máis aló do Hackathon”.