O Honor 6X contará con dobre cámara traseira

mércores, 19 de outubro do 2016 Marcus Fernández

As cámaras dobres, pese á súa máis que discutible utilidade, parecen querer imporse en todas as gamas de smartphones, ou iso parece se atendemos ao último lanzamento de Huawei, o Honor 6X, terminal que estará dispoñible no mercado chinés a partires do vindeiro día 25 a prezos que van dende os 999 iuans (135 euros) para o modelo con 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento interno até os 1.599 iuans (216,11 euros) para a versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno. Temos así un dispositivo cunhas configuracións moi completas a uns prezos realmente axustados.
Se entramos no resto de especificacións, o Honor 6X é un terminal con pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas, cun procesador Kirin 655 de 8 núcleos, dobre SIM, cámara traseira de 12 Mpíxeles apoiada por unha cámara secundaria de 2 Mpíxeles, cámara frontal de 8 Mpíxeles, lector de pegadas dixitais, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, batería de 3.340 mAh, un grosor de 8,2 milímetros e un peso de 162 gramos, todo integrado nun corpo metálico dispoñible en cor ouro, prata, gris, azul e ouro rosa. Funciona con Android 6.0 coa capa de personalización EMUI 4.1 e a súa funcionalidade de dobre cámara está pensada como apoio para conseguir profundidade de campo e desenfoque de fondo, ou sexa, que supón un método económico de simular o novo modo retrato do iPhone 7 Plus.

PUBLICIDADE