O Honor 7X sae á venda a un prezo de 299 euros

martes, 5 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Hai un par de semanas chegou ao mercado o OnePlus 5T, que facía asumible a última tendencia de mercado: smartphones con pantalla 18:9 con dobre cámara. O seu prezo de 499 euros resultaba moi competitivo, pero agora vai ter que facer fronte a un duro contendente, xa que vén de saír á venda en España a un prezo de 299 euros o Honor 7X, que presume de pantalla infinita 18:9, cámara dobre de 16 Mpíxeles, 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, unhas prestación moi elevadas para un dispositivo cun prezo moi axustado.
Este novo smartphone aposta por unha pantalla de 5,93 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 (o que vén a chamarse Full HD +) dentro dun corpo de metal (en azul ou en negro) que fai que poida medirse sen problema cos seus competidores máis directos, podendo aproveitar a grande pantalla para correr aplicacións a pantalla partida.
A súa cámara traseira está composta por unha lente de 16 Mpíxeles e outra de 2 Mpíxeles, buscando así gozar do cada vez máis popular modo retrato, aínda que o seu fabricante tamén destaca o uso de tecnoloxía PDAF para un enfoque automático de alta velocidade, para que non perdamos os momentos que queremos capturar. Como cámara frontal optan por unha de 8 Mpíxeles está optimizada para selfies con efectos e control por xestos (chega con xirar a palma da man cara a cámara para activar unha conta atrás para dispara un autorretrato.
Se entramos en especificacións, falamos dun smartphone cun procesador Kirin 659 de 8 núcleos, 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno (ampliable até 256 GB), Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, USB 2.0, recoñecemento de pegadas dixitais, toma de auriculares, batería de 3.340 mAh, un grosor de 7,6 milímetros e un peso de 165 gramos. Un dispositivo que funciona con Android 7.0 con EMUI 5.1 e, de buscarlle algunha carencia, habería que advertir de que non conta con NFC, o que faría que non puidese empregarse para os cada vez máis populares pagamentos móbiles.

PUBLICIDADE