O Honor 7X terá pantalla de 5,93 polgadas e dobre cámara traseira

mércores, 11 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A primeiros de ano chegou ao mercado un interesante smartphone de Huawei que destacaba por contar con dobre cámara traseira sen ter un prezo elevado, xa que o Honor 6X podía mercarse por 249 euros (moi lonxe dos 909 euros que custaba o iPhone 7 Plus, que era o móbil de referencia con dobre cámara traseira), e agora repiten a xogada co Honor 7X, un novo smartphone que supón unha actualización de deseño para adoptar as tendencias do presente ano, ou sexa, que agora ten unha pantalla de 5,93 polgadas cunha relación de aspecto 2:1 cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles e cuns marcos moi reducidos, de xeito que sería extraordinariamente semellante aos móbiles de alta gama dos últimos meses, pero mantendo o seu prezo nun rango moi asumible, xa que venderase a partires do martes que vén en China a 1.299, 1.699 e 1.999 iuans nas súas versións con 32, 64 e 128 GB de almacenamento (166, 217 e 256 euros respectivamente). O espazo de almacenamento interno pode ampliarse mediante tarxetas de memoria microSD de até 256 GB.
O Honor 7X funcionará cun procesador Kirin 659 e 4 GB de RAM, soporta dobre SIM, integra unha cámara traseira dual de 16 e 2 Mpíxeles e unha cámara frontal de 8 Mpíxeles, a súa batería de 3.340 mAh cárgase por micro USB e o seu lector de pegadas dixitais está colocado na parte traseira do terminal (para facilitar un maior aproveitamento do espazo na parte frontal).

O Honor 7X estará dispoñible en 3 cores diferentes e tamén con 3 capacidades de almacenamento diferentes

PUBLICIDADE