O Honor Router 3 chega a España con agasallos

martes, 21 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A presentación do Honor Router 3 foi toda unha sorpresa, por estrearse na China como un dispositivo que ao cambio custaba menos de 30 euros e ofrecía conectividade Wi-Fi 6+ movendo até 2.967 Mbps e podendo conformar redes tipo malla combinando varios routers para evitar as zonas con mala cobertura no fogar. Aínda que este trebello pode conseguirse de importación, finalmente xa aparece na tenda virtual oficial dun xeito moi curioso, xa que a súa estrea española en vez de realizarse cun prezo de derribo opta por completar o produto con varios accesorios de xeito que podemos adquirir promocionalmente o Honor Router 3 por 79,90 euros incluíndo unha pulseira cuantificadora Honor Band 5 (valorada en 34,90 euros) e uns auriculares sen fíos Honor Bluetooth Earphone (valorados en 69,90 euros). Esta curiosa oferta está dispoñible entre o 23 de xullo e o 17 de agosto.
O Honor Router 3 é un produto bastante actractivo, por ofrecer grandes velocidades de acceso á Rede a través de Wi-Fi, mellorando substancialmente (até un 60%) o largo de banda dispoñible con respecto ás redes Wi-Fi 5, contando con seguridade WPA3 e podendo xestionarse a nosa rede sen fíos mediante unha aplicación móbil (dende a que programar o acceso á Wi-Fi, crear redes para convidados, eliminar dispositivos non autorizados, controlar o largo de banda ou establecer medidas de control paterno).
Este router promete ser quen de atender até 4 catro dispositivos á vez na banda de 2,4 GHz (a de mellor cobertura) e até 16 dispositivos na banda dos 5 GHz (a de maior velocidade), cun largo de banda capaz de achegar películas en 4K a varios dispositivos á vez, de xeito que sería dabondo para a meirande parte dos fogares. En escenarios con problemas de cobertura pode resultar moi práctico configurar dous (ou máis) destes routers en modo malla, de xeito que autoxestionan unha única rede Wi-Fi, procurando achegar sempre a mellor conexión posible aos dispositivos conectados.

PUBLICIDADE