O Huawei Mate 30 Pro chega hoxe a España sen os servizos de Google

luns, 18 de novembro do 2019 Marcus Fernández

En setembro Huawei presentou os novos Mate 30 e Mate 30 Pro, coa incógnita sobre o que acontecería coas aplicacións do Google, e sen ter solucionado o conflito cos EE.UU. sorprenden hoxe ousando a pór á venda o Huawei Mate 30 Pro no Espacio Huawei Madrid a un prezo de 1.099 euros.
Dende a compañía chinesa detallan que «trátase do primeiro dispositivo de Huawei que, aínda contendo o sistema operativo Android 10 AOSP non conten os servizos de Google preinstalados», ou sexa, que confirman que os smartphones terán un encaixe moi complicado no mercado español, xa que tal e como veñen de fábrica teñen serias dificultades para a instalación non só das aplicacións propias de Google, senón de moitas outras aplicacións (como WhatsApp, Facebook, Netflix...) que dependen dos servizos de Google para o seu correcto funcionamento, polo que podemos entender que este produto non se comercializará con normalidade até que os EE.UU. outorguen unha licenza a Google e Facebook para poder operar con Huawei.
O Huawei Mate 30 Pro é probablemente o smartphone con mellores cámaras do mercado (cando menos, segundo os criterios de DxOMark), contando tamén cun procesador de grande potencia, unha batería xenerosa (4.500 mAh) con carga rápida (con e sen fíos) e un deseño innovador, de xeito que sería todo un referente se non fose porque carece dos servizos de Google, o que algúns describen que sería como «un Ferrari sen asentos».

Vídeo promocional do Huawei Mate 30 Pro

PUBLICIDADE