O Huawei Mate 50 Pro destaca unicamente polas súas cámaras

xoves, 10 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Huawei, pese a non poder vender móbiles cos servizos de Google preinstalados nin con conectividade 5G, segue atrevéndose a sacar móbiles de alta gama, como o novo Huawei Mate 50 Pro, que pese ás súas xigantescas carencias chega ao mercado español a un prezo de 1.199 euros.
Estamos ante un móbil cun grande deseño, pantalla OLED cunhas xenerosas 6,74 polgadas, o procesador sen 5G máis potente do mercado, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno, resistencia IP68, NFC, batería xenerosa (4.700 mAh) con carga rápida de 66 watts e unhas cámaras de infarto, pero cun sistema operativo e unha conectividade móbil que fan moi difícil que poida atopar comprador en Europa.
Probablemente o único argumento válido para a adquisición deste móbil serían as súas cámaras, xa que conta cunha cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles con estabilización óptica e apertura F1.4-4.0, ultra grande angular de 13 Mpíxeles e teleobxectivo (10x) de 64 Mpíxeles con estabilización óptica, mentres que a súa cámara frontal é de 13 Mpíxeles con detección de profundidade en 3D. A apertura variable da cámara principal, bautizada como XMAGE Ultra Aperture, permite xogar coa profundidade de campo dun xeito sen precedentes para un smartphone; e grazas ao motor de imaxe XD Fusion Pro tamén consegue bos niveis de brillo e contraste; tamén conta cun Modo Super Noite que permite explorar a escuridade e capturar detalles que fan xustiza a calquera paisaxe iluminada por neón; e tamén presume de retratos de grande calidade (con moito coidado polo desenfoque de fondo).

PUBLICIDADE