O Huawei Mate X podería adiarse até novembro

venres, 16 de agosto do 2019 Marcus Fernández

No marco do Mobile World Congress de Barcelona dende Huawei quixeron facer unha demostración de forza anunciando o smartphone Huawei Mate X, que contaría tanto con conecticidade 5G como cunha pantalla encartable, que debería chegar a mediados de ano ao mercado a un prezo de 2.299 euros. Pero os problemas de Huawei cos EE.UU. e as precaucións que Samsung tivo co seu Galaxy Fold levou a que en xuño anunciasen que o Mate X non vería a luz até setembro, data que finalmente podería non cumprirse, xa que agora aseguran que a data de lanzamento deste curioso dispositivo será entre setembro e novembro de 2019.
Dende TechRadar aseguran ter unha fonte que precisamente fixa en novembro a data de lanzamento do Huawei Mate X, información que parece bastante solvente. Ao parecer o smartphone está a mudar o seu deseño en diferentes elementos, na liña do que tamén fixo Samsung co seu Galaxy Fold, xa que canto máis tempo teñen de cara ao lanzamento máis doado é corrixir posibles problemas futuros dun tipo de dispositivo que ten toda a pinta de chegar ao mercado sen ter moi clara a súa finalidade e con moitas dúbidas sobre os problemas que terá que enfrontar como un produto de consumo. De feito, o Huawei Mate X é unha incógnita moito maior que a do Galaxy Fold, xa que o dispositivo de Samsung cando menos provén dun importante desenvolvemento de software, mentres que no caso de Huawei, Xiaomi e outros fabricantes que estrearán móbiles con pantalla encartable nos vindeiros meses dá a impresión de que o sistema operativo recibirá só os cambios mínimos para poder funcionar coa nova pantalla, polo que podemos entender que os produtos con pantallas encartables teñen aínda moito que madurar.

PUBLICIDADE