O Huawei Mate Xs custará 2.499 euros

luns, 24 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Hai un ano Huawei presentou o seu smartphone encartable, produto que non chegou ao mercado até o mes de novembro e que fóra de China non chegou a ter unha comercialización ordinaria, resultando bastante curioso que hoxe realizasen por streaming a presentación programada para o Mobile World Congress anunciando produtos que, pese a non poder contar cos servizos de Google, vaian comercializarse globalmente, co previsible rexeitamento do público non chinés.
Tamén semella un tanto absurdo que nun momento de retracción comercial Huawei abra en Barcelona a súa segunda tenda emblemática de España, pois non parece previsible que a compañía chinesa vaia recuperarse comercialmente no noso territorio a medio prazo, xa que o bloqueo comercial imposto polos EE.UU. provoca que estean nunha posición que non lle permite competir no mercado actual.
No que respecta ao smartphone encartable de Huawei, temos que a compañía presentou o seu sucesor, o Huawei Mate Xs, que mantén o seu formato cunha pantalla encartable de 8 polgadas que mantense no exterior do dispositivo cando o dobramos, e chegará cun mellor soporte da conectividade 5G. Este terminal móbil funciona cun procesador Kirin 990 5G, cámara cuádrupla certificada por Leica e batería de 4.500 mAh con carga rápida de 55 watts. Aínda que o máis rechamante de todo é que Huawei pretende pór á venda o mes que vén con 8 GB de RAM e 512 GB de almacenamento interno a un prezo de 2.499 euros, prezo que poucos estarán dispostos a pagar por un dispositivo tan problemático a nivel de software.

Vídeo promocional do Huawei Mate Xs

Pero non é o único produto presentado por Huawei, senón que tamén ten a nova tableta MatePad Pro 5G, con pantalla de 10,8 polgadas, procesador Kirin 990 5G, 6/8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno e batería de 7.250 mAh con carga rápida de 40 watts e carga reversible (por cable e sen fíos), que pode completarse cun Huawei M-Pencil cunha sensibilidade de 4.096 niveis de presión e un teclado externo con suxeición magnética.
Estamos ante un produto que sería o máis semellante a un iPad Pro con Android 10 agás polo feito de que, ao carecer dos servizos de Google, resulta moi pouco práctico para usuarios europeos. Está previsto saia á venda en abril a un prezo de 749 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento, aínda que tamén haberá un modelo sen 5G con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento a 549 euros, que podería chegar a ter unha boa aceptación se non fose polos problemas de software de Huawei. De feito, a propia Google advirte de que a instalación dos seus servizos en dispositivos novos de Huawei para os que non están certificados supón un alto risco de seguridade, xa que non se saber realmente o que se está a instalar (podendo incluír malware).

Vídeo promocional do Huawei MatePad Pro 5G

Outros produtos de Huawei que probablemente si terán unha comercialización máis normal serán os seus novos ordenadores portátiles: os Huawei MateBook X Pro e os Huawei MateBook D.

PUBLICIDADE