O Huawei Nova 4 chega cunha cámara frontal nun orificio en pantalla e cunha cámara traseira de 48 Mpíxeles

luns, 17 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Para maximizar o espazo que ocupa a pantalla na parte frontal dos smartphones hai distintas solucións, sendo unha das máis polémicas a utilización dunha pestana superior en imitación ao iPhone X, o que na meirande parte dos casos trátase dunha opción pouco razoable, de aí que provedores de pantallas como Samsung ofrecesen solucións alternativas como o feito de que a cámara frontal estivese situada tras a pantalla, que tería que amosar un orificio para a cámara, o que semella que será a tendencia de 2019, e á que vén de sumarse o novo Huawei Nova 4.
Este smartphone ponse á venda este mesmo mes en China, para chegar despois a Europa, a un prezo de 3.399 iauns (435 euros) cunha cámara traseira cun impresionante sensor de 48 Mpíxeles, contando tamén cunha versión que reduce o sensor aos 20 Mpíxeles para así poder venderse a só 3.099 iuans (396 euros).
Aínda que o feito de que a cámara frontal deste teléfono (de 25 Mpíxeles cunha apertura f/2.0) sexa o que máis chama a atención no primeiro momento, estamos ante un terminal capaz de destacar por si mesmo grazas ás súas especificacións, xa que falamos dun dispositivo cun procesador Kirin 970, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, pantalla de 6,4 polgadas cunha resolución de 2.310 x 1.080 píxeles, lector de pegadas traseiro, batería de 3.750 mAh con carga rápida de 18 watts por USB-C.
No que á cámara traseira se refire, cómpre salientar que o modelo máis elevado non só conta cun sensor de 48 Mpíxeles con apertura f/1.8, senón que tamén ten un grande angular de 16 Mpíxeles e f/2.2 e un sensor de profundidade de 2 Mpíxeles. Aínda que os 48 Mpíxeles poden parecer excesivos, resultan prácticos para condicións de baixa luminosidade, nas que pode combinar os píxeles de 4 en 4 para conseguir fotografías moi luminosas de 12 Mpíxeles. A versión económica do móbil tamén conta coas cámaras de grande angular e profundidade.
Estes móbiles chegan ao mercado con Android 9.0 coa capa EMUI 9.0.1, Bluetooth 4.2, toma de auriculares, un grosor de 7,77 milímetros e un peso de 172 gramos.

O Huawei Nova 4 poderá mercarse en 4 cores distintas

PUBLICIDADE