O Huawei P30 Pro sube o listón en cámaras traseiras de móbiles

martes, 26 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Por fin son oficiais os novos smartphones de Huawei chamados a ser un referente no que a cámaras traseiras se refire ao longo do presente ano, o P30 e o P30 Pro, que incrementan a altura da súa pantalla (principalmente por adoptar un lector de pegadas dixitais en pantalla) e melloran as posibilidades do seu teleobxectivo. Temos así que o Huawei P30 Pro está nunha posición líder en DxOMark cunha puntuación de 112 na súa cámara traseira, aínda que a unha distancia moi próxima á do modelo do ano pasado e do Samsung Galaxy S10+ (109 puntos). No que respecta á cámara frontal o móbil ten que conformarse cunha puntuación de 89, ou sexa, que queda por detrás do Galaxy S10+ (96) e do Galaxy Note9 e do Google Pixel 3 (92).
Comezando polo meirande terminal, o Huawei P30 Pro é un ambicioso móbil cun procesador Kirin 980, 8 GB de RAM e 128/256/512 GB de almacenamento interno, que integra un sistema de cámara cuádrupla que combina un grande sensor de 40 Mpíxeles con apertura f/1.8, un ultra grande angular de 20 Mpíxeles, un obxectivo superzoom (capaz de chegar até unha distancia focal de 270 milímetros, o que tamén describen como un zoom híbrido de 10x) e unha cámara TOF (para detectar a profundidade e aplicar efectos de desenfoque de fondo). Na cámara frontal confórmase cunha cámara de 32 Mpíxeles con apertura f/2.0 que está agochada na súa pantalla OLED de 6,47 polgadas nunha pestana superior central con forma de U.
Este teléfono tamén conta con protección IP68 ante a auga e o po, e para que tampouco haxa que andar constantemente pendente de cargalo, integra unha xenerosa batería de 4.200 mAh que pode cargarse até o 70% en só 30 minutos empregando o seu cargador rápido de 40 watts. Tamén é compatible con carga rápida sen fíos a 15 watts, contando incluso con carga reversible (ou sexa, que pode cargar outros dispositivos mediante indución).
O modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento está á venda por 949 euros, mentres que as versións con 256 e 512 GB custan 1.049 e 1.249 euros respectivamente.
O Huawei P30 é un smartphone máis modesto, que reduce a súa pantalla OLED a 6,1 polgadas, a súa RAM a 6 GB e a súa capacidade de almacenamento interno a 128 GB (sen contar con opcións superiores), mudando tamén na cámara traseira, que desta volta limita o seu teleobxectivo a 3 aumentos e prescinde da cámara TOF. A resistencia ao po e á auga queda nun IP53, a batería confórmase con 3.650 mAh e tamén perdería a carga sen fíos. Estes sacrificios permiten que o P30 teña un prezo oficial de 749 euros.
Cómpre salientar que os prezos que mencionamos son os recomendados, e agora mesmo grandes cadeas comerciais está a ofertas estes dispositivos por até 150 euros menos, agasallando tamén un reloxo conectado Huawei Watch GT Active, polo que o prezo destes smartphones semella destinado a caer rapidamente.
No que a conectividade se refire, aínda que o Huawei P30 Pro conta con Bluetooth 5.0, USB-C 3.1 e unha boa conectividade 4G, no que ao Wi-Fi se refire confórmase con Wi-Fi AC ou Wi-Fi 5, ou sexa, que non ousa dar o salto de xeración como si fixo Samsung cos seus Galaxy S10.”

PUBLICIDADE