O Huawei P8 Lite (2017) xa ten sucesor

martes, 16 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Durante 2016 os smartphones máis vendidos en España foron os Huawei P9 Lite e P8 Lite, o que levou a que en 2017 o Huawei P8 Lite renovase as súas especificacións para converterse no grande referente do mercado para usuarios que buscan terminais cunha boa relación calidade-prezo, e agora chega o sucesor do Huawei P8 Lite (2017), cun pequeno cambio de nome: o Huawei P Smart.
Este novo smartphone procurará manterse como un smartphone de gama media que presenta unha aparencia semellante á dos seus competidores de alta gama actuais, e precisamente por iso adopta unha pantalla cunha relación 18:9 e dobre cámara traseira, de xeito que ten moitas bazas para recuperar a súa posición comercial.
O Huawei P Smart conta cunha pantalla de 5,65 polgadas que, ao só medrar ao alto, permite que o teléfono manteña un agarre cómodo como os seus predecesores; a súa cámara traseira de 13 Mpíxeles está completada cunha cámara secundaria de 2 Mpíxeles que axuda á realización de efectos como o desenfoque de fondo que resulta tan popular actualmente; a súa cámara frontal de 8 Mpíxeles integra efectos de mellora de imaxe; para facer selfies tamén inclúe detección de xestos para poder disparar a cámara con só saudar ao móbil coa man; e no aspecto sonoro inclúe dobre Bluetooth para permitir que, por exemplo, o usuario poda conectar o móbil ao sistema de audio do seu automóbil á vez que ten emparellado un auricular sen fíos par atender as chamadas.
Entre as súas especificacións podemos comentar que conta cun procesador Kirin 659 de 8 núcleos, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable até 256 GB mediante tarxetas microSD), lector de pegadas dixitais traseiro, batería de 3.000 mAh e sistema operativo Android 8.0 coa capa de personalización EMUI. O seu prezo de lanzamento será de 259 euros, pero espérase que en poucos meses baixe dos 200 euros como aconteceu cos modelos anteriores, descoñecéndose polo momento se en España teremos oficialmente a súa versión con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno.

PUBLICIDADE