O Hub de Innovación Dixital Europeo EDIH DATAlife contribúe á dixitalización do tecido empresarial galego

xoves, 27 de xuño do 2024 Redacción

A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, clausurou esta mañá o evento anual de presentación de resultados e accións futuras do proxecto Hub de Innovación Dixital Europeo EDIH DATAlife. Na súa intervención, Cotelo destacou o amplo abano de servizos e instrumentos de apoio que ofrece ao ecosistema galego de I+D+i co obxectivo de apoiar a incorporación de tecnoloxías dixitais no tecido empresarial galego.
En concreto, 98 entidades solicitaron os servizos que o Hub ofrece no marco do proxecto europeo EDIH DATAlife e 44 participaron nas tres primeiras formacións ofrecidas. Entre os servizos que ofrece, Carmen Cotelo destacou o asesoramento técnico para a implantación de tecnoloxías disruptivas, formación específica, o desenvolvemento de diversas mesas de traballo sectoriais para identificar colaborativamente as necesidades e profundar nos retos dos diferentes sectores -350 entidades asistiron a estas mesas-, asesoramento sobre financiamento e un labor de comunicación para difundir os instrumentos de apoio entre as empresas e o potencial destas tecnoloxías entre a sociedade en xeral.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou especialmente o labor de escoita activa e de análise que se fai contando directamente co ecosistema, un enfoque que garante que os resultados do proxecto estean aliñados coa demanda dos diferentes sectores que integran o Hub, e animou aos seus socios a seguir traballando na mesma liña.