O I Congreso Nacional de Turismo Experiencial abre en Lugo as súas portas reais e virtuais

mércores, 16 de setembro do 2020 S. P.

Hoxe comeza en Lugo (até o venres 18) o Congreso Nacional de Turismo Experiencial, onde se reunirán máis de 50 expertos en turismo e nas novas ferramentas que o transforman, que fan que o sector rompa barreiras e que facilitan as experiencias dos viaxeiros. O evento, co-impulsado pola Deputación, celébrase no Pazo Provincial de San Marcos, sede da dita entidade lucense. O congreso, cuxas sesións vanse desenvolver en streaming para garantir a máxima seguridade e máis a máxima dispoñibilidade das mesmas, foi inaugurado polo presidente da entidade provincial, José Tomé, no salón de actos da sede da institución. Lugo é a primeira cidade do ámbito estatal en dar acollida a esta actividade.
O congreso tamén conta co impulso do Concello e a Xunta de Galicia. Na apertura tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, e a directora executiva de Experiencias del Destino, María Crespo Castro.
O presidente salientou “a aposta decidida da Deputación de Lugo por converter a provincia nun destino turístico de calidade, non masificado, de contacto respectuoso coa natureza e que resulte sustentábel no tempo”. Neste senso, valorou que o modelo adoptado pola institución é “un modelo capaz de poñer en valor o patrimonio histórico, monumental, natural, gastronómico, cultural ou etnográfico de todos os enclaves da nosa provincia, un modelo que respecta a realidade e as características da provincia e das súas xentes, e que se converte, nun motor de desenvolvemento económico que contribúe ao equilibrio territorial e á igualdade de oportunidades dos veciños e veciñas”.
Tamén fixo saber que o I Congreso Nacional de Turismo Experiencial busca ser un referente no que abordar novos retos, ofrecer solucións, analizar casos de éxito e dotar das ferramentas necesarias a profesionais para que aproveiten as oportunidades do entorno local a través dun emprendemento sustentábel, “converténdose nun punto de encontro para profesionais, emprendedores, técnicos, produtores locais, estudantes, guías, investigadores, medios de comunicación e apaixonados do turismo e a cultura en xeral”.
Esta primeira edición combina o formato presencial, con conferencias no Pazo de San Marcos, e o virtual, ofrecendo a posibilidade de seguir as charlas por streaming de máis de 50 expertos e profesionais do sector. Nun plano máis concreto, a Deputación sinalou que están inscritos no congreso 20 persoas no modelo presencial, para cumprir os protocolos anti-COVID; e máis de 1.000 persoas no formato online, procedentes de varios países de Europa e América.
Lugo Experience
Aos participantes nestas xornadas dáselles a oportunidade, este fin de semana, de amosar e promover as súas actividades no Lugo Experience. Dito evento será un escaparate de experiencias da provincia de Lugo que poderán ver os asistentes ao congreso, os visitantes e a veciñanza da provincia. “Será”, en palabras da Deputación, “unha oportunidade de vivir e desfrutar durante toda unha fin de semana dos recursos turísticos, culturais, patrimoniais, gastronómicos, etnográficos e medioambientais que existen na provincia”. Todas as actividades de Lugo Experience serán sustentábeis e respectuosas coa contorna e seguras para todas as persoas asistentes, cumprindo coas máximas medidas hixiénico-sanitarias indicadas polas autoridades sanitarias.

PUBLICIDADE