O I Congreso hispano-luso de software libre contará con destacados relatores galegos

venres, 21 de setembro do 2012 Raquel Noya

Os vindeiros días 28 e 29 de setembro, os seareiros das ferramentas baseadas en código aberto teñen unha cita imprescindible en Mérida, onde se vai celebrar o I Congreso hispano-luso de software libre, que reunirá aos máis importantes profesionais deste eido da Península Ibérica. Serán dúas xornadas nas que se van desenvolver toda unha serie de actividades relacionadas co software libre: conferencias, obradoiros-charlas, relatorios, sesións B2B... co obxectivo de poñer en común iniciativas e proxectos entre empresas españolas e portuguesas.
O obxectivo do congreso é facilitar o contacto profesional e de colaboración entre a comunidade de usuarios de software libre de España e Portugal, internautas que ata agora só se coñecían de xeito virtual ao ter interactuado en foros e redes sociais.
A maiores, a cita servirá para que as persoas emprendedoras poidan coñecer de primeira man as vantaxes que ofrece esta tecnoloxía, e utilizar as súas ferramentas para mellorar os seus negocios.
É nesta faceta do congreso onde entra en xogo a tecnoloxía galega, pois a organización convidou a participar á galega Sdweb (Solucións Dixitais S.L.), como representante de tódalas empresas de Galicia especializadas no desenvolvemento de aplicacións en código aberto.
Xa que logo, os profesionais de Sdweb, con sede en Santiago de Compostela, impartirán 4 obradoiros, centrados en distintas ferramentas que facilitan o traballo interno a nivel empresarial.
Falamos do obradoiro de Alfresco (Workflow BPM), que impartirá Diego Meixeiro; do obradoiro para presentar o caso de éxito do xestor de contidos Drupal, da man de Iván Vázquez; do obradoiro Business Inteligence: solucións corporativas de reporting con Jaspersoft BI Suite, no que Antonio Carro abordará a implantación de solucións de Datawarehouse baseadas en código aberto; e do obradoiro de Moodle, mediante o cal se tratarán de difundir as vantaxes económicas e competitivas que se obteñen ao implantar nunha organización este modelo de e-learning. Segundo informan os seus responsables, “este constitúe, sen dúbida, un marco de referencia para impulsar a colaboración interrexional no ámbito tecnolóxico”, ao que engaden que as empresas, institucións e individuos “atoparán un lugar para o intercambio de coñecemento e experiencias”, “sendo ademais o lugar ideal para aqueles que procuran casos concretos de éxito en aplicación de software libre, e foros de discusión creados especialmente para eles”, afirman.

PUBLICIDADE