O I Foro co teu Negocio de Movistar tivo un notable seguimento na Rede

venres, 16 de marzo do 2012 Raquel Noya

Popularmente, para os xaponeses a palabra crise significa ao mesmo tempo “perigo” e “oportunidade”, razón que explica que sempre intenten buscar formas de acadar algún beneficio perante situacións de dificultade, converténdoos nun exemplo a seguir polo resto dos mortais que nos entra o pánico ao escoitar esta palabra.
Pois ben, algo máis cerca de Xapón, aquí en Madrid, Movistar celebrou onte o seu I Foro co teu Negocio, unha xornada encamiñada a aproveitar a inspiración que produce a crise nas cabezas pensantes para facer medrar os seus negocios, e aproveitar a tecnoloxía para aumentar a produtividade das pequenas e medianas empresas.
O encontro reuniu na capital a máis de 400 emprendedores e pequenos empresarios de todo o Estado, que recibiron información de utilidade para aprender a sacarlle o máximo partido ás redes sociais e ás novas tecnoloxías, a través de casos prácticos achegados por empresas de éxito.
Segundo afirman os organizadores do evento, durante o pasado ano moitas empresas españolas medraron máis dun 20% “grazas a aplicar unha cultura innovadora de flexibilidade, motivación ao empregado e formación continua nun entorno dixital no que a tecnoloxía xoga un papel fundamental para aumentar a produtividade e reducir custes”.
Isto, sumado a que o 41% das pequenas e medianas empresas aínda non ten web de seu e só un 12% vende por Internet os seus produtos, levou a Movistar a celebrar esta peculiar xornada, na que trataron de asesorar aos asistentes en materia de innovación tecnolóxica e comunicación en liña, para o seu aproveitamento nos negocios.
Para a posta en escena do Foro, Movistar escolleu un formato “dinámico, flexible, participativo e práctico”, segundo afirman, “para lograr mostrarlle aos asistentes cales son os elementos necesarios para que unha PEME teña éxito”.
Algúns dos relatores que participaron no encontro son colaboradores habituais do blog Con tu Negocio, unha canle de Movistar dirixida a empresas na que se lle ofrece aos usuarios e clientes información relevante sobre tecnoloxía, oportunidades globais, xestión, experiencias de outras empresas, etc.
A iniciativa, na que colaboraron firmas como Samsung, Fundación Banesto ou CEDE, entre outras, tivo un notable seguimento na Rede, onde se puideron seguir as intervencións en directo vía streaming e participar en Twitter co hashtag #ForoCTN.

PUBLICIDADE