O I Gran Foro de Innovación de APD xuntou máis de 400 profesionais en Santiago

martes, 21 de outubro do 2025 S. P.

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) celebrou esta mañá, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, o I Gran Foro de Innovación e Emprendemento, un encontro que reuniu a máis de 450 persoas rexistradas (en presencial e conectadas vía streaming), co obxectivo de impulsar a cultura innovadora como motor de competitividade e crecemento.
O evento, organizado por APD, contou co apoio da Xunta de Galicia baixo a man do IGAPE e o programa Capacita Directivos, e a colaboración do Círculo de Empresarios de Galicia e o Club Empresarial Nordés.
Ao longo da xornada, celebráronse seis mesas de debate nas que participaron representantes de empresas como Microsoft, Hijos de Rivera, FINSA, Abanca, BorgWarner, o Centro Tecnolóxico Gradiant, Unirisco, CETIM ou R (MasOrange), xunto a emprendedores de novas firmas innovadoras galegas de referencia como Councilbox, Docuten, Mestrelab, Zebra Brain ou Aldealista, entre outras.
Na inauguración oficial, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, subliñou que “Galicia conta cun sistema de innovación e emprendemento cada vez máis dinámico”, engadindo que “empresa e administración non son dous equipos diferentes, senón un só”.
Pola súa banda, a directora de APD na Zona Noroeste, Ana Sánchez, definiu a innovación como un modo de propiciar “a integración de novas ideas, metodoloxías, servizos e produtos a fin de optimizar os procesos e impulsar o negocio”.
No primeiro bloque da mañá, que reflexionaba acerca das colaboracións entre empresas consolidadas e startups; destacáronse os beneficios mutuos froito destas alianzas baixo a moderación de Miguel Varela, membro da xunta directiva de Startup Galicia e fundador de Teimas. Josefa de León, directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb Prodalt, sinalou que “os anos deterioran a cultura da empresa e, nós somos unha empresa innovadora, manter contacto con alguén que está a empezar lévate aos inicios”, referíndose á exitosa colaboración que manteñen con Agrolinera, cuxa directora executiva (CEO), Verónica Menéndez, tamén formou parte do Foro.
Neste bloque tamén participaron Emma Romero, directora de Solucións Construtivas de FINSA e Marcos González, CEO de Arraigo, que destacaron a necesidade de “rodearse ben, colaborar e aceptar o fracaso como parte do proceso”.
Respecto á experiencia da innovación desde as empresas consolidadas, o foro contou coa participación de Doris Gomes, directora de Innovación e Adopción Cloud de Microsoft; Yago Campos, director de Innovación de Hijos de Rivera; Ana Penas, xestora de innovación de Kaleido; e Carlos Castaño, vicepresidente de Enxeñería de Borgwarner. Durante a súa conversación, coincidiron en sinalar que “a innovación require disciplina, compromiso e xestión do risco”, e que a clave reside en apoderar ao talento interno para que as empresas sexan capaces de evolucionar e competir nunha contorna global.
Na conversación Emprendemento de impacto e dinamización do territorio, Alfredo Ramos, conselleiro de APD Noroeste e director en Galicia de R e MasOrange, mantivo unha conversa con Alba Budiño, co-fundadora de Zebra Brain, e Juan Carlos Pérez, fundador de Aldealista. O conselleiro de APD concluía que en Galicia é necesario “crear un ecosistema de colaboración que nos axude nese camiño de resiliencia que merece a pena percorrer”.
Nas particularidades do territorio e das competencias para emprender centrouse unha mesa onde Santiago Domínguez, CEO de Mestrelab; Víctor López, co-fundador e CPO de CouncilBox; Brais Méndez, CEO de Docuten; e Gonzalo Martín, CEO de Inverbis Analytics; apuntaron que “en Galicia temos capacidade creativa e de facer moito con pouco. Pensemos en escalar e competir a nivel global”; coa moderación de Hugo Criado, CEO de Medrar.
Pola súa banda, Sonia Martínez, CEO de Batea Oncology e Jorge Cajiao, CEO de Sentinel Ecosystems participaron nunha mesa con Cristina Fanjul, presidenta de ANCES, como moderadora. Os relatores coincidiron na necesidade do equilibrio á hora non só de emprender, senón tamén de manterse: “O equilibrio entre talento, diñeiro e mercado resulta fundamental para escalar”.
E, para finalizar as conversacións, Inmaculada Rodríguez, directora xeneral de Unirisco; Eduardo Aldao, director de Innovación de Abanca; e Fernando Jiménez, xerente de Gradiant; trasladaron a importancia do soporte financeiro á hora de emprender, presentando as ferramentas e oportunidades destas institucións no apoio aos proxectos que empezan; con Lucía Vázquez, directora executiva de CETIM.

Un peche inspirador con Bisila Bokoko

Como broche final, a conferenciante internacional Bisila Bokoko, directora executiva de BBES, ofreceu o relatorio Emprender sen medo: a clave do éxito, na que animou aos asistentes para afrontar os desafíos empresariais con confianza, propósito e visión global; a través da súa historia e vivencias persoais.
O encontro concluíu cun espazo de networking e música en directo, reforzando o espírito de colaboración que caracterizou toda a xornada.