O IES Carlos Casares de Vigo gaña a 3ª Liga Maker Drone

xoves, 16 de maio do 2024 Redacción

Deseñar, programar e voar un sistema sobre un dron para neutralizar niños de velutina foi o reto que tiveron que superar os máis de 170 estudantes participantes (un 50% deles, rapazas) da 3ª Liga Maker Drone, impulsada pola Fundación Barrié e o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG), cuxa xornada final de exhibición e Gran Final tivo lugar esta mañá na Coruña, á que asistiron máis dun milleiro de estudantes como espectadores.
O equipo gañador do torneo foi o IES Carlos Casares, de Vigo, que conseguiu levar a cabo a misión no menor tempo. A solución ao reto baseouse nun sistema de caleiros que se equilibran por debaixo do dron e que van disparando as cápsulas de insecticida. A presión do xiro do rodete e outras solucións técnicas foron fundamentais para o desenvolvemento técnico desta solución.
O premio foi entregado por Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director xeral de ITG. Ademais, houbo outros catro equipos cuxa labor foi recoñecida: CPR Peñarredonda, de A Coruña, recibiu o premio ao mellor deseño; CPR Compañía de María, de A Coruña obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disrutiva; CPR Las Acacias (Vigo) conseguiu o premio á destreza en voo; e o Colexio Obradoiro, de A Coruña, o premio á mellor presentación.

PUBLICIDADE