O IES García Barbón impulsa un blog para facilitar a elección de saídas académicas e profesionais

martes, 21 de xuño do 2022 S. P.

O profesor Daniel Veiga Martínez, do IES García Barbón, vén de informarnos da posta en marcha (este mes e xuño) dun novo blog formativo e divulgativo dende o centro de Secundaria de Verín. Trátase dunha web de orientación académica para o alumnado do dito IES e con potencial para ser usada en calquera outro centro da nosa terra: Consellos e preguntas para os estudantes. A través dos seus contidos o caderno en liña fai unha análise pormenorizada de distintas plataformas de orientación académica e profesional e recomenda un total de cinco aplicacións que poden utilizarse sen custe económico e con niveis altos de calidade e fiabilidade.
De xeito complementario facilítanse mapas mentais para dar a coñecer a información máis relevante, procurando aportar recursos web de calidade para cada unha das potenciais saídas académicas.
Na barra lateral do blog recoméndase unha variedade de recursos web elixidos pola súa utilidade no proceso de información académica e toma de decisións. “Trátase dun traballo concibido para ser un instrumento práctico ao servizo do conxunto da comunidade educativa e que subministra recursos que facilitan o labor dos estudantes e das súas familias á hora de abordar as distintas saídas académicas e profesionais que existen”, salienta o profesor Daniel Veiga Martínez.

PUBLICIDADE