O IES Laxeiro de Lalín gaña o debate sobre as redes sociais do Parlamento Xove

luns, 26 de abril do 2010 Raquel Noya

Semella que os mozos e mozas do IES Laxeiro de Lalín, ademais de asistir ás súas clases e formarse como todo estudante que se prece nos coñecementos que esixe a actual lei de educación, tamén teñen tempo para coñecer a fondo e dominar o uso das redes sociais en Internet, e así o veñen de demostrar ao facerse co primeiro posto da I edición do Parlamento Xove, unha rolda de debates sobre o uso das devanditas ferramentas que se celebrou a pasada fin de semana no hemiciclo galego.
Á final do peculiar concurso chegaron o pasado sábado un total de oito equipos procedentes de toda Galicia e despois de sumar as puntuacións obtidas en cada unha das probas, o IES Laxeiro de Lalín fíxose coa viaxe sorpresa valorada en 7.000 euros á que optaban, así como un notebook para cada un dos membros do equipo.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presidiu esta actividade e entregou o premio aos equipos vencedores. Así, mentres que o grupo semifinalista, o SEK Atlántico de Pontevedra, foi premiado cun cadanseu notebook, o equipo que elaborou o mellor dossier de investigación, o Instituto Rosalía de Castro, recibiu unha videconsola para cada un dos membros, mentres que o autor individual do mellor artigo (unha alumna do IES A Pinguela) recibiu un notebook e os seus cinco compañeiros, un disco duro portátil.
O obxectivo deste proxecto, no que competían os centros de ensino de toda Galicia, era potenciar o diálogo como ferramenta para argumentar as ideas propias entre a mocidade galega, de modo que os participantes de cada equipo (seis alumnos e un profesor) tiveron que investigar, escribir e, finalmente, debater sobre o tema proposto pola organización: se o uso das redes sociais separa ou une á xuventude.
Na fase inicial,os centros educativos realizaron dous artigos de opinión –un favorable e outro contrario- sobre o uso das redes sociais, e un dossier de investigación. Logo da suma das puntuacións obtidas nestes traballos, clasificáronse os oito mellores centros para a fase final, correspondentes aos centros educativos de: IES David Buján, de Cambre; IES Menéndez Pidal, de A Coruña; IES A Pinguela II, de Monforte de Lemos; Colexio SEK Atlántico, de Pontevedra; Colexio La Salle, de Santiago; IES Rosalía de Castro, de Santiago; IES A Xunqueira I, de Pontevedra; e o IES Laxeiro I, de Lalín.

PUBLICIDADE