O IES Nº1 de Ribeira acolle este martes unha xornada sobre novas tecnoloxías para alumnado, docentes e familias
luns, 1 de abril do 2024
A ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira, ante a crecente preocupación pola influencia negativa que pode ter un uso sen supervisión e control das novas ferramentas dixitais entre as novas xeracións, vai organizar esta semana unha actividade de divulgación que achegará unhas cantas claves de utilidade para a comunidade educativa, nais, pais e adolescentes.
Polo que o vindeiro martes 2 de abril a asociación prepara unha Xornada de Formación para todo o alumnado de 4º ESO e unha sesión de tarde para os docentes e todas as familias que desexen falar sobre as súas inquedanzas e saber máis sobre os perigos dun mal uso dos actuais dispositivos.
Falarase sobre o problema da conexión permanente ou prácticas fraudulentas e violentas como o phishing, o ciberacoso, o ciberbullying, e como usar correctamente estes dispositivos como boas ferramentas. “A intención é aportar un pouco máis de cultura dixital a nosa mocidade”, explican dende a ANPA a respecto destas actividades, que contarán coa presenza do experto local en novas tecnoloxías Gustavo Llovo.