O IES Rafael Puga Ramón representa a Galicia no Campionato de España de Debate Preuniversitario, centrado nas TIC
venres, 27 de xuño do 2025
Os mellores debatentes do circuíto escolar teñen unha cita no Campionato de España de Debate Preuniversitario, do venres 27 ao domingo 29 de xuño, no Campus Almansa de CUNEF Universidade (Madrid). En total, 16 equipos representarán ás súas respectivas comunidades autónomas como vencedores de principais os torneos de España. O IES Rafael Puga Ramón da Coruña representa a Galicia como campión de Torneo de Debate Académico de Galicia, organizado pola Fundación Barrié.
O Campionato de España de Debate Preuniversitario aborda, desde o seu comezo, algún dos puntos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030. Nesta edición, céntrase no que en palabras da organización do certame, é “unha cuestión controvertida”, especialmente relevante no contexto educativo actual e moi próxima aos participantes: A tecnoloxía en educación supón máis unha oportunidade que un risco?
Dende a organización sinalan que a incorporación das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) ás aulas, a través de plataformas dixitais, recursos interactivos, Intelixencia Artificial ou dispositivos móbiles, “transformou significativamente a maneira en que se ensina e se aprende”. E engaden: A controversia xeral sobre a tecnoloxía na aula céntrase no debate sobre se o seu uso nas escolas debe ser promovido, limitado ou prohibido aínda que este non é o tema que nos ocupa senón defender se estas tecnoloxías supoñen unha oportunidade de mellora da aprendizaxe e a preparación para o futuro ou ben se o uso de pantallas está a aumentar o risco de distraccións, impacto na saúde e posibles efectos negativos no desenvolvemento social e emocional dos estudantes”.
A fase de grupos disputarase, en CUNEF Universidade, o venres 27 de xuño pola tarde e o sábado 28 pola mañá. Pola tarde, serán as roldas eliminatorias de cuartos de final e semifinais. A mañá do domingo, ás 12 horas, está reservada para a gran final que xulgarán veteranos oradores e expertos en comunicación, argumentación e oratoria.
