O IES Rosalía de Castro de Santiago recibe o Premio de Divulgación Científica 2023 da RAGC
venres, 16 de xuño do 2023
A
Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concedeu “por unanimidade”
o
Premio RAGC de Divulgación Científica 2023 ao centro de ensino
público IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de
Compostela. A Academia recoñece así “o proxecto educativo do
instituto no fomento da cultura científica e tecnolóxica”.
A
entidade tamén salientou que “o Instituto Rosalía de Castro ten
como obxectivo que o seu alumnado cultive a curiosidade e desenvolva
habilidades para a indagación e a investigación. Deste xeito, senta
as bases dunha cultura científica entre os estudantes da ESO,
Bacharelato, STEAMbach, ciclos de FP e ESA, que lles permite acceder
de xeito máis doado á investigación na universidade”.
A
RAGC salienta que o dito ideal STEM faise explícito “nun programa
científico notábel” con actividades como o Premio Stephen
Hawking, para alumnado de Bacharelato de centros galegos; o Premio
IN: Innovación, Investigación e Invención, para estudantes da ESO;
e a participación relevante na Semana da Ciencia ou no Rally
Matemático sen Fronteiras.
A
academia tamén destaca que no ano 2009 celebrouse no instituto o
certame internacional Ciencia en Acción e que o alumnado do
centro participa frecuentemente nas Olimpíadas Científicas, no
Certame de Investigadores Novos ou no Día da Nena e a Muller na
Ciencia.
“Unha
premisa do centro é que a ciencia e a tecnoloxía son piares
fundamentais do desenvolvemento da sociedade actual; ciencia e
tecnoloxía son unha parte máis dunha formación que inclúe
competencias lingüísticas, humanísticas, artísticas e solidarias.
Así se recolle nos diferentes proxectos que se lles ofrece ao
alumnado, que se familiariza coa ciencia desde os primeiros anos do
instituto. Con este galardón, a Real Academia Galega de Ciencias
quere tamén valorar o traballo nos centros de Secundaria á hora de
captar vocacións e estender este recoñecemento a todos os
institutos que inclúan este ideal no seu traballo diario”,
manifestan desde a RAGC.
- O profesor Xavier Mouriño
Pola
súa parte, o director do IES Rosalía de Castro, Xavier Mouriño,
salienta que desde o centro “apoiamos e animamos aos rapaces e ás
rapazas para que empecen a investigar. Poñemos as primeiras pedras
co propósito de que aprendan desde a base. Estamos moi satisfeitos e
orgullosos do noso alumnado e dos nosos docentes, que alimentan a súa
curiosidade, pero tamén de todo o alumnado galego, que participa en
moitas das nosas actividades como o Premio Stephen Hawking, con
centros de Ensino Secundario procedentes de toda Galicia. Detectamos
un nivel excepcional dos traballos que se presentan en cada edición.
Sorpréndennos ver como se achegan á investigación, a súa
orixinalidade nos contidos e na presentación”. O director pon de
relevo que o premio da Academia Galega de Ciencias é “un
recoñecemento de todos os centros galegos que traballan por espertar
vocacións científicas entre os rapaces e rapazas”.
O
xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel
Carracedo, que actuou como presidente; Minia Manteiga como
secretaria; ademais de Antonio Ballester, Antonio Rigueiro e José
Ramón Cancelo.