O IGADI presenta a nova web do Observatorio da Política China (OPCh)

martes, 9 de setembro do 2025 S. P.

O Observatorio da Política China (OPCh), creado en 2004 polo IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) co apoio de Casa Asia e actual referente internacional para comprender a realidade chinesa en lingua española, presentou a nova páxina web do Observatorio da Política China (OPCh), en palabras do IGADI “un paso adiante en materia informativa e comunicativa que ofrece unha estrutura moderna e multidimensional para facilitar o acceso a contidos actualizados sobre a política chinesa”.
O portal reúne seccións clave como (Que é o Observatorio ou o apartado específico da RIBSI, a Rede Iberoamericana de Sinoloxía), ademais de organizar o seu traballo de análise e documentación en areas temáticas (pensamento político, economía, relacións internacionais, Taiwán e rexións de administración especial).
O OPCh publica regularmente informes anuais, a revista Jiexi Zhongguo, o Hebdomadario Taiwán e cronoloxías específicas, ademais de promover eventos como o Simposio Electrónico de Política China ou as Xornadas Chibérica. Ademais, as e os analistas do OPCh teñen presenza en medios de comunicación de todo o mundo.
Fundado por Xulio Ríos, presidente de honra do IGADI, o Observatorio é dirixido desde 2022 por Raquel Isamara León de la Rosa, profesora da Benemérita Universidade Autónoma de Puebla (México).
Contexto
A nova páxina encádrase no obxectivo renovado de IGADI de facilitar a comprensión, en Galicia, en España, en Europa e en Latinoamérica, da realidade chinesa, unha cuestión fundamental para o mundo hispanofalante.
Desde Galicia, o Observatorio da Política China (OPCh) posicionouse como un referente internacional para a análise da China contemporánea en lingua castelá. Creado en 2004 por iniciativa do IGADI (think tank con sede en Galicia dedicado ás relacións internacionais) e co apoio de Casa Asia, o OPCh achega máis de dúas décadas de experiencia aproximando o complexo acontecer chinés aos países de fala hispana.
O seu enfoque é marcadamente iberoamericano, contando mesmo coa RIBSI (Rede Iberoamericana de Sinoloxía) para fomentar a cooperación entre expertos de España e América Latina nos estudos sobre China.
O IGADI presenta agora a nova plataforma web do Observatorio da Política China, un portal renovado que dá un paso adiante na difusión do coñecemento sobre o xigante asiático. “Este hub dixital quere facilitar o acceso a contidos actualizados de maneira intuitiva e atractiva”, sinala o IGADI.