O IGAPE achega nova canles de colaboración co emprendemento aerespacial galego

xoves, 10 de xullo do 2025 S. P.

A directora do IGAPE, Covadonga Toca, participou este xoves 10 de xullo nun encontro de traballo coas startups seleccionadas na sexta edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa impulsado pola Xunta de Galicia para apoiar o emprendemento no sector aeroespacial, aeronáutico e de vehículos non tripulados.
Na reunión, celebrada na Cidade da Cultura e na que participaron tamén representantes de empresas tractoras e entidades colaboradoras do ecosistema aeroespacial galego, estableceuse un diálogo directo entre a administración e os proxectos incubados e acelerados, “co fin de detectar as súas necesidades máis urxentes e abrir novas vías de colaboración”, explicou Toca, quen presentou os servizos da Oficina Económica de Galicia, un punto de contacto áxil e personalizado que ofrece atención técnica especializada, apoio operativo e acompañamento estratéxico nunha contorna de proximidade e confianza, “especialmente útil para sectores de alta innovación como o aeroespacial”.
Así mesmo, a directora do Igape explicou as principais liñas de axuda activadas este ano polo Instituto, destacando os programas dirixidos a startups, os préstamos directos a proxectos estratéxicos, os apoios á transformación dixital ou as novas ferramentas para impulsar a saída ao exterior das empresas galegas.
A xornada concluíu cun espazo de networking no que os representantes das startups (como Kreios Space, Slimop Space, BirdStrikeDrone, Arzeos Aircraft ou Dronomy) puideron compartir en primeira persoa as súas propostas e inquietudes con responsables do IGAPE e doutros organismos asistentes, como NTT Data, Airbus, Avincis ou a Fundación CEL.
Dende a súa posta en marcha en 2018, BFAero apoiou 46 proxectos, contribuíndo á creación de 11 novas empresas tecnolóxicas, mobilizando máis de 7,5 millóns de euros en investimento, e facilitando a creación de máis de 220 empregos cualificados. A sexta edición pechou a convocatoria cun récord de 110 iniciativas inscritas, das que un 57% proceden de emprendedores nacionais e internacionais.