O IGAPE achega novos apoios ás pemes para o impulso de máis de 200 proxectos de dixitalización

luns, 5 de xuño do 2023 S. P.

O director do IGAPE, Fernando Guldrís, visitou este luns 5 de xuño, en Porto do Molle (Nigrán), as instalacións de Gaictech, empresa de fabricación de maquinaria para o sector conserveiro e do conxelado que implementou, grazas ao programa de Dixitalización Industria 4.0, unha xestión integral tecnolóxica do seu proceso produtivo. Isto permitiulle acadar unha maior eficiencia e control desde o pedido do cliente até o subministro, pasando pola compra do material, o seu almacenamento e o corte láser do mesmo.
Neste marco, Guldrís sinalou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns 5 unha nova convocatoria desta liña de apoios, cuxo prazo de presentación de solicitudes ábrese este martes 6 e coa que se aspira a “facilitar a transformación industrial das pemes galegas con novas axudas que permitirán promover máis de 200 proxectos de dixitalización”.
Cun orzamento de 5 millóns de euros, facilitarase a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor; ou proxectos individuais cara á dixitalización e conectividade da peme.
Esta é a oitava convocatoria do programa, que “conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018”, apuntou Guldrís, quen resaltou “a súa importancia para impulsar a reactivación do tecido empresarial a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización”.
En réxime de concorrencia competitiva, cóbrense tanto proxectos colectivos como individuais que busquen implantar solucións de interacción, sistemas de Intelixencia Artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionábeis para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas, e nos dous casos o 50% dos custos de colaboracións externas.

PUBLICIDADE