O IGAPE aposta pola formación en ciberseguridade como “desafío irrenunciábel”

xoves, 21 de abril do 2016 Redacción

A Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e máis o IGAPE organizan hoxe en Santiago unha xornada técnica sobre ciberseguridade, no Hotel Porta do Camiño e con relatorios que se estenden até as 14.30 horas. A inauguración do encontro contou coa presenza polo director do instituto galego, Javier Aguilera, que salientou a capacitación de técnicos e directivos como un aspecto clave para que as empresas poidan previr ou minimizar os riscos de ciberataques. Tamén lembrou o papel xogado polo Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) en materia de formación especializada (e continua) sobre protección dixital e salvagarda de información. A xornada de hoxe insírese no programa Capacita, en palabras de Aguilera, un exemplo máis deste compromiso a prol da divulgación en seguridade TIC.
O director do IGAPE engadiu que “apostar pola ciberseguridade desde as empresas é imprescindíbel para garantir a súa competitividade, ao tempo que recoñeceu que os clusters tamén están a actuar neste eido”. Asemade, sinalou que a protección da información e das comunicacións, “reforzada mediante a formación especializada a directivos e técnicos”, ten que constituír “un desafío irrenunciábel”.
A xornada sobre a ciberseguridade nas empresas que se desenvolve hoxe en Santiago inclúe relatorios sobre a seguridade da información na estratexia, sobre a xestión de novas ameazas, sobre oportunidades e riscos da xestión masiva de datos (Big Data), sobre a tecnoloxía como facilitador da xestión corporativa de riscos ou sobre o novo regulamento Europeo de Protección de Datos. Entre os relatores participaron directivos de empresas como Emetel, Microsoft España, Grupo Barrabés, BVC Artai, Elecnor ou Grupo El Corte Inglés. Os asistentes tamén tiveron a oportunidade de coñecer casos reais de ciberataques a empresas.

PUBLICIDADE