O IGAPE mobiliza 650.000 euros para novos obradoiros de dixitalización e sustentabilidade

mércores, 3 de xaneiro do 2024 S. P.

A Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través do IGAPE, informa da apertura da nova convocatoria dos obradoiros de dixitalización, sustentabilidade e loxística avanzada que teñen como obxectivo “crear espazos de colaboración entre as empresas galegas na preparación de proxectos máis avanzados e de maior significación cara aos retos principais da economía”.
Estes obradoiros, que acadan a súa sétima convocatoria, configúranse como espazos multidisciplinares ao servizo da transformación tecnolóxica e sustentábel.
Cun orzamento de 650.000 euros, poden ser beneficiarios destes obradoiros os organismos intermedios de carácter empresarial e outros axentes con capacidade de albergar o proceso de concienciación e reflexión conxunta para a xeración de proxectos, como é o caso das asociacións e clústeres empresariais, dos hubs de innovación dixital ou dos centros tecnolóxicos.
A Consellería de Economía engade que o reto é acadar uns obradoiros que actúen como xeradores de proxectos que, máis tarde, poidan presentarse a convocatorias de axudas. A través deles, as empresas explorarán solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na posta en marcha de ferramentas dixitais.
Os apoios concédense en réxime de concorrencia competitiva e ascenden ao 100% dos gastos subvencionábeis ata un máximo de 25.000 euros por iniciativa, cun límite total por entidade beneficiaria de 75.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes manterase aberto ata o vindeiro 2 de febreiro.

PUBLICIDADE