O IGAPE salienta a participación galega no CES de Las Vegas

luns, 14 de xaneiro do 2019 Redacción

O director do IGAPE, Juan Cividanes, resaltou a relevancia da participación e dos encontros profesionais mantidos polas startups galegas, impulsadas pola Business Factory Auto (BFA), con grandes multinacionais do sector tecnolóxico na feira anual da electrónica e tecnoloxías dixitais (CES), que se celebrou esta semana en Las Vegas.
A BFA asistiu ao encontro, acompañada polo IGAPE, con membros de seis empresas participantes da aceleradora da automoción: Help Flash, VMS, Xesol, Muutech, Little Electric Cars e Improsec, que puideron coñecer as innovacións tecnolóxicas de próxima xeración no mercado, entre as que destaca a tecnoloxía 5G, deseñada para facilitar a implementación do Internet das cousas (IoT).
Para as máis dun milleiro de startups presentes na feira, no Eureka Park Marketplace, e para as seis galegas, en concreto, o CES é unha oportunidade para darse a coñecer e pechar reunións de traballo coas multinacionais do sector, nun evento que é punto de encontro para máis de 4400 empresas da industria electrónica e 180.000 profesionais de ao redor de 155 países do mundo.
A asistencia a este encontro internacional das iniciativas empresarias aceleradas pola Business Factory Auto, que a Xunta impulsa xunto a PSA, CEAGA e o Consorcio Zona Franca e, que está a celebrar xa a súa terceira edición, facilita a proxección internacional dos seis proxectos participantes e a súa competitividade nos mercados a través da modernización tecnolóxica.
No apartado da automoción, a feira incluíu a presentación das últimas novidades dos grandes fabricantes do sector, entre as que salientaron os sistemas de autocondución, o coche eléctrico, os servizos conectados ou as tecnoloxías de realidade virtual para pasaxeiros.
Crear un polo de innovación baseado no emprendemento innovador no sector da automoción é o obxectivo da BFA, a aceleradora na que participan na actualidade 20 iniciativas, entre as que se atopan un proxecto de Dubai e outro de Alemaña. Esta bussiness factory, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, forma parte da plataforma StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras nas que están presentes ademais da automoción, os sectores biotecnolóxico e aeronáutico, e que leva apoiado preto de 900 proxectos de emprendemento nos últimos cinco anos.

PUBLICIDADE