O II Foro FIGA comparte fórmulas para acadar audiencias a través da diversidade lingüística

xoves, 7 de novembro do 2024 S. P.

A Academia Galega do Audiovisual está a celebrar o II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) na Cidade das TIC da Coruña até este sábado 9 de novembro. O foro conta coa participación de máis de 30 profesionais de ámbito nacional e internacional, quen discute os retos e oportunidades de producir e exhibir contidos en linguas minoritarias.
A xornada deste xoves 7, baixo o título En busca da nova televisión: públicos novos, accesibilidade e referentes renovados, abordou o desafío de conectar con audiencias novas desde unha perspectiva de diversidade lingüística. Judith de Argila, xefa de contidos dixitais, transmedia e creación de comunidades de 3Cat, ofreceu o relatorio inaugural, titulado Narrativas para redes e público nova e milenial. De Argila destacou a importancia de renovar a estratexia dos medios públicos para atraer a xente nova que consume contido principalmente en redes sociais, fóra da contorna televisiva tradicional. No caso de 3Cat, subliñou a adaptación da súa estrutura para crear contidos específicos e transformar os formatos das canles tradicionais, todo iso co obxectivo de cumprir a súa misión de entreter, informar e formar.
A continuación, Daniel Hernández, director de Estratexia de 3Cat; Fernando Ojea, director de Contidos de CRTVG e secretario xeral de Circom-regional.eu; e José Luis Blanco, director de Programación de EiTB-Euskal Telebista/Primeran, expuxeron as estratexias de programación dixital das súas respectivas cadeas. Os tres resaltaron a importancia de que os cidadáns poidan acceder a contidos informativos na súa lingua e defenderon a creación de franxas e canles específicas para públicos novos, atendendo as súas preferencias e os códigos de comunicación dixital.
Novos referentes no audiovisual galego
A última sesión da mañá, titulada Referentes renovados: do videoclip á curtametraxe de autor e as series web, contou con Adrián Canoura, realizador de videoclips e cinema experimental; Andrea Villa, programadora do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay; e Marta Cruañas, produtora no Canadá. Os relatores discutiron as tendencias e oportunidades en formatos innovadores que adoitan estar á marxe das grandes producións.
O papel da accesibilidade e a tradución
A sesión da tarde abriuse cunha intervención por videoconferencia de Pablo Romero, profesor de Tradución e Lingüística na Universidade de Vigo. Romero analizou os mecanismos que entran en xogo no espectador ao consumir contido audiovisual subtitulado e resaltou que, aínda que a accesibilidade está regulada, debería integrarse co departamento creativo desde o principio do proceso de produción.
Para pechar a xornada, Charo Pena (actriz, directora de dobraxe e adaptadora de textos audiovisuais), María Suárez (tradutora audiovisual) e Samuel Solleiro (tradutor audiovisual e literario) compartiron a súa visión sobre a tradución como ferramenta clave para a normalización de linguas minoritarias no audiovisual.
Sesións dos vindeiros días
O venres 8 de novembro, baixo o lema Unha esfera cultural propia: producir en linguas minoritarias, explorarase o impacto da creación en linguas non hexemónicas no panorama cultural e industrial. A clausura do foro, o sábado 9, abordará as posibilidades de construír un sistema audiovisual estábel e en lingua galega, que impulse a normalización do idioma no sector.
O Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, apoiada polo Concello da Coruña e a área de Cultura da Deputación da Coruña, e conta nesta edición coa colaboración da Cidade das TIC e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.