O II Foro FIGA pon o foco na intersección entre lingua e audiovisual
mércores, 16 de outubro do 2024
A Academia Galega do Audiovisual, co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, organiza o II Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), que se celebrará na Cidade das TIC da Coruña entre os días 7 e 9 de novembro e que terá como temática central A lingua e o audiovisual.
A Academia pon o foco na lingua nesta segunda edición de FIGA, para, en palabras da entidade, “abordar en profundidade o extraordinario fito histórico que supón que algunhas producións con versión orixinal en galego estean acadando nos últimos anos importantes recoñecementos fóra das nosas fronteiras”. Para a Academia, dan boa conta disto películas como O que arde galardoada co premio Xurado no Festival de Cannes; O corno premiada coa Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián; ou series como O sabor das margaridas no ranking de series en lingua non inglesa máis vistas da plataforma Netflix.
O foro servirá pois para analisar amplamente a diversidade lingüística no sector audiovisual, co obxectivo de valorar a situación actual e debater os retos aos que se enfronta. FIGA contará coa participación de máis de trinta profesionais nacionais e internacionais que compartirán as súas experiencias na produción e distribución de audiovisual en linguas minoritarias.
A xornada do xoves 7 levará por título Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados e nela tratarase o desafío de atraer ás audiencias máis novas desde a diversidade lingüística.
O venres 8, co lema Unha esfera cultural propia: producir en linguas minorizadas ou minoritarias abordarase o impacto da produción en linguas non hexemónicas no panorama cultural e industrial. Para rematar, as sesións do sábado 9 estarán englobadas baixo o título Cara un circuíto estábel e unha normalización na lingua do audiovisual, para explorar as posibilidades de avanzar cara un sistema audiovisual que promova de forma efectiva a normalización do uso lingua galega.
María Soliña Barreiro González, profesora titular no departamento de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación GEA (Grupo de Estudos Audiovisuais) é a directora de contidos desta iniciativa coa que a Academia desexa “valorar o estado actual e debater os retos de futuro que afectan ao sector en Galicia dende a perspectiva da intersección entre a diversidade lingüística e o medio audiovisual”.