O ILG e o CiTIUS colaborarán para facer realidade o Proxecto Nós

martes, 26 de outubro do 2021 Redacción

Esta mañá presentouse o primeiro acordo para o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega, que supón o inicio do desenvolvemento desta iniciativa coa que se incorporará o galego ao eido dixital. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade, Antonio López, xunto á directora da AMTEGA), Mar Pereira, informaron sobre esta colaboración coa que o proxecto se nutre dunha primeira inxección económica que permite avanzar na planificación e dotación de recursos.
Román Rodríguez asegura que «este é un proxecto ambicioso, de país, pensado para o curto, medio e longo prazo e no que resulta imprescindible un apoio público que garanta chegar alá onde o mercado non chega». O convenio entre ambas institucións supón un primeiro investimento de 150.000 euros grazas ao que arrincará a fase inicial no desenvolvemento do proxecto para definir, deseñar e elaborar a planificación cunha proposta inicial da estratexia.
Así, de xeito coordinado e colaborativo, a Xunta e a Universidade de Santiago, a través do Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), comezarán coa catalogación dos recursos dispoñibles para levar a cabo un deseño das diferentes partes do Proxecto Nós, en dúas grandes áreas: procesamento de voz e procesamento de texto. Definiranse os equipos de traballo, as estratexias de coordinación entre eles e metodoloxías de seguimento e avaliación da calidade, tanto dos recursos como das ferramentas resultantes.

Asistentes de voz e teleasistencia avanzada

Como indicou Román Rodríguez, «estamos ante un primeiro paso clave co que blindamos ese apoio público necesario para que Galicia poida participar no mundo dixital sen renunciar á súa lingua ao tempo que situamos a nosa Comunidade na vangarda da Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe aplicadas a este fin». Trátase dunha colaboración coa que se sentan as bases dun proxecto «para o que prevemos destinar 15,5 millóns de euros ao abeiro dos fondos europeos Next Generation».
O titular de Cultura e Educación referiuse ao carácter estratéxico deste proxecto ao supor «o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia cunha transcendencia que vai moito máis alá da promoción do uso da lingua». Neste sentido, recordou que se trata dunha iniciativa coa que se compilará unha ampla variedade de recursos lingüísticos dixitais de calidade en galego, de balde e en código aberto para que poidan ser empregadas por todo tipo de empresas e institucións, posibilitando o acceso en lingua galega a un gran abano de produtos dixitais presentes pero tamén futuros.
O Proxecto Nós conseguirá a presenza do galego en asistentes de voz, subtitulación automática de contidos audiovisuais, apoio ao diagnóstico médico, servizos de teleasistencia avanzada, tramitación administrativa a través de asistentes virtuais, entre outros.
O Proxecto Nós confía en contribuír ao proxecto de país non marco dos fondos Next Generation que anunciou recentemente o Goberno da España para desenvolver as tecnoloxías da lingua e, en concreto, a aplicación da intelixencia artificial e que as máquinas falen non só español senón tamén galego.

PUBLICIDADE