O ILG lanza a nova ferramenta de xeración automática de galego e portugués XeraWord

xoves, 14 de xaneiro do 2021 Redacción

Unha estudante da USC traballando nun computador/ Imaxe de Santi Alvite

A Universidade de Santiago informou de que Xeraword, a ferramenta de xeración automática de galego e portugués, xa está dispoñíbel na páxina web do Instituto de Lingua Galega (ILG). Elaborada no marco dun proxecto dirixido pola profesora da USC, María José Domínguez Vázquez, XeraWord baséase na tradución automática de léxico extraído da base de datos do idioma inglés WordNet.
A USC lembra que para o desenvolvemento deste simulador foron deseñados unha ferramenta de tradución do caudal léxico paradigmático a partir dos datos extraídos de xeito automático do WordNet, así como un flexionador nominal. O prototipo recorre á integración de datos lingüísticos e á interoperabilidade entre recursos xa existentes. Como prototipo xera datos para cinco substantivos en galego e portugués, en concreto: gl. aumento | pt. aumento, gl. discusión | pt. discussão, gl. fuxida | pt. fuga, gl. olor | pt. cheiro e gl. presenza | pt. presença.
Segundo explica a profesora Domínguez Vázquez, “a escolla destes cinco substantivos xustifícase polo seu papel de representantes de diferentes escenas cognitivas ou campos semánticos”, engadindo que o prototipo senta os alicerces para o futuro desenvolvemento de ferramentas de xeración argumental máis complexas.
Aplicacións e posibilidades da ampliación
A ampliación das unidades analizadas polo xerador permitirá o seu uso por parte de estudantes de galego e portugués como linguas estranxeiras ou segundas linguas. No seu estado actual, XeraWord presenta unha metodoloxía de análise que pode ser extrapolada a outras linguas e recursos.

PUBLICIDADE