O INCIBE percorre Galicia usando a VR para concienciar sobre ciberseguridade

xoves, 4 de xullo do 2024 Marcus Fernández

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) está a realizar unha xira formativa a través de toda a xeografía española, instalando unha carpa de realidade virtual para concienciar sobre a ciberseguridade dun xeito lúdico a través de xogos adaptados aos diferentes públicos.
Este proxecto, coñecido como PassVRord, está dirixido a maiores de 14 anos e consta de dúas zonas: unha zona de formación no que dan pautas sobre ciberseguridade para o día a día; e unha zona de xogo na que hai que resolver desafíos de ciberseguridade a través de visores de realidade virtual.
Este venres remata a visita da carpa do INCIBE na Praza de María Pita na cidade da Coruña, contando este proxecto cun par de paradas galegas máis este mes: do día 16 ao 20 de xullo estará no Parque da Barbaña en Ourense, e do 23 ao 27 de xullo a carpa instalarase na explanada da Laxa en Vigo.

A carpa do INCIBE estivo esta semana na Praza de María Pita (A Coruña)