O INCIBE subministra teléfono de balde para asesorar na cuestión das TIC e os menores

venres, 8 de setembro do 2017 Redacción

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) pon en marcha partir do luns 11 de setembro unha liña de asistencia telefónica 900 116 117 para resolver, en palabras da entidade dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, “as dúbidas e conflitos que decote xorden no uso de Internet e as tecnoloxías por parte de nenos, adolescentes e os seus pais”. O servizo quere ser un recurso de utilidade e asesoramento fronte a un problema crecente: o uso non axeitado das redes e dos aparellos tecnolóxicos por parte dos menores idade, unido á presenza de ameazas que tiran proveito deste emprego non supervisado nin asesorado das TIC.
Segundo informa o INCIBE, a liña de asesoramento telefónico estará atendida por un equipo multidisciplinar formado por psicólogos, expertos en seguridade das tecnoloxías e cuestións legais. As chamadas atenderanse en horario de 10:00 a 20:00 horas de luns a venres e de 10:00 a 14:00 horas os sábados. Ademais, durante as 24 horas do día, existe a disposición dos usuarios unha dirección de correo electrónico ayuda@is4k.es ao que se poden remitir dúbidas e consultas.
O servizo será “confidencial e de balde” e fornecerá aos menores “de asistencia sobre calquera consulta relacionada co uso seguro e responsábel de Internet e os seus riscos”, como poden ser os conflitos sobre privacidade e reputación, o ciberbullying, o uso indiscriminado das novas tecnoloxías (posíbeis adiccións), contidos e contactos inapropiados, comunidades perigosas, así como cuestións sobre protección de dispositivos, virus ou fraudes, entre outros.
Xunto a nenos e adolescentes, tamén poderán facer chamadas pais, educadores e profesionais do ámbito do menor e atopar axuda para facer fronte a calquera circunstancia que poida xurdir en relación ao uso de Internet.
Esta liña de asistencia forma parte da iniciativa Internet Segura for Kids que se puxo en marcha o pasado mes de febreiro.

PUBLICIDADE