O INCIPIT aproxímanos á realidade das paisaxes arqueolóxicas pola vía dixital
mércores, 27 de setembro do 2017
- O investigador autor da tese, Pástor Fábrega, na entrada do INCIPIT en Santiago
O
Instituto de
Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións
Científicas (INCIPIT-CSIC), con sede en Compostela, vén de
acubillar o desenvolvemento dunha tese doutoral que, entre outros
fitos, dá forma a unha nova metodoloxía para avaliar paisaxes
arqueolóxicas con novas tecnoloxías xeoespaciais. O traballo de
investigación, que abrolla directamente das tarefas en arqueoloxía
da paisaxe que desenvolve o dito instituto dende hai máis de dúas
décadas, tivo a súa aplicación práctica en varios elementos do
noso patrimonio. Por exemplo: o viario histórico do sur de Santiago,
as estatuas-menhir de Ourense e norte de Portugal ou as murallas de
San Cibrán de Las. Segundo explica o autor da tese, o galego Pastor
Fábrega Álvarez, a proposta pode ser extrapolábel ao estudo dunha
manchea de contornas de importancia histórica, etnográfica e
cultural.
A
tese, titulada Percorrendo e observando paisaxes dixitais: unha
aproximación á análise arqueolóxica con Tecnoloxías da
Información Xeográfica, defendeuse recentemente na Universidade
de Xaén, no marco do Programa de Doutoramento Interuniversitario de
Arqueoloxía Espacial no que tamén participan as Universidades de
Granada, Estremadura, Zaragoza e o CSIC, e onde obtivo a
cualificación de sobresaínte cum laude.
Segundo
o propio autor da tese, esta nace coa vontade de suplir as eivas
actuais da aplicación de tecnoloxías da información xeográfica á
arqueoloxía, como por exemplo o uso mecánico das mesmas que non se
adaptan ás problemáticas a resolver. Nesta investigación proponse
“un uso máis crítico destas tecnoloxías” e afóndase no seu
potencial para desenvolver novas representacións dixitais
encamiñadas a “preguntas de investigación concretas”. Polo
tanto, achegouse unha finalidade dupla: desenvolver un aparello
analítico novo para analizar paisaxes arqueolóxicas (dous xeitos
básicos dos humanos para relacionarse coa súa contorna: a
mobilidade e a percepción visual) e aplicación desta proposta a
casos de estudo específicos para confirmar a súa viabilidade e uso
de cara a descubrir aspectos novos de fenómenos como a cultura
castrexa ou a rede camiñeira antiga de Galicia.
En
todos os casos de aplicación práctica os traballos incluíron o
modelado dixital da percepción e da mobilidade na paisaxe,
utilizando para iso as devanditas tecnoloxías de información
xeográfica. “Non se pretende reconstruír paisaxes antigas nin
representar escenografías, senón aproximarse á lóxica e estrutura
da paisaxe”, explica Pastor Fábrega.
Logo
das tarefas realizadas nas ditas contornas da nosa xeografía, o
seguinte paso agora é abrir liñas de investigación que avancen
nunha arqueoloxía onde as tecnoloxías dixitais “axuden a analizar
a relación entre a construción da paisaxe e as súas implicacións
sociais”, avanza César Parcero, director da tese, quen salienta
que “a revolución nas TIC achega á arqueoloxía a posibilidade de
realizar cálculos masivos que permiten simular e modelar diferentes
escenarios sobre o que aconteceu no pasado e facer cálculos
estatísticos fiábeis sobre cal foi o máis probábel”.