O INTECMAR presenta mañá en Londres unha web coa que atallar os casos de contaminación mariña accidental

luns, 12 de marzo do 2012 Raquel Noya

Mañá comeza en Londres a Conferencia Internacional Interspill, un evento que se organiza cada tres anos e que reúne aos axentes máis importantes do sector marítimo internacional, para tratar de achegar xuntos medidas que contribúan a evitar a contaminación mariña accidental, concretamente a producida por derrame de hidrocarburos, algo no que no noso país, lamentablemente, temos ampla experiencia.
Ata alí vanse achegar tamén representantes galegos de diversas entidades, que traballaron na creación dunha plataforma web coa que dotar de maior operatividade, e coa que facer máis eficaces, os Sistemas de Información Xeográfica (SIX) en situacións de emerxencia por contaminación mariña accidental.
A ferramenta, desenvolvida no Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), funciona a través de protocolos de intercambio estándares, e integra nun mapa interactivo información xeográfica de moi distinta índole e procedencia.
Desta maneira, a información xeográfica que nunha situación de crise por contaminación mariña accidental necesita ser cartografada, como por exemplo a liña de costa, a batimetría, os bancos marisqueiros, os caladoiros, os ventos, as correntes, a posición dos barcos que interveñen no operativo, ou a situación das manchas contaminantes, ponse a disposición das persoas responsables de encarar a emerxencia, para así poder combatela do mellor xeito posible.
En resumo, estamos a falar dunha plataforma en liña que facilita e mellora a xestión dos procesos a seguir no caso dunha situación de extrema urxencia nas nosas costas, que de tela creado no ano 2002, evitaría a catástrofe medioambiental máis grande da historia da navegación, o coñecido como Desastre do Prestige.

PUBLICIDADE