O INTECO alerta dos perigos do novo virus DNS Changer

xoves, 16 de febreiro do 2012 Raquel Noya

Varios organismos especializados en seguridade en Internet a nivel mundial, entre eles o INTECO, veñen de alertar dos perigos que achega o verme virtual DNS Changer, un virus que xa afectou a milleiros de usuarios en todo o mundo e que é moi difícil de erradicar nos ordenadores xa infectados.
Trátase dun troiano que modifica a configuración de DNS do equipo afectado, é dicir, o servizo que converte os nomes de dominio en direccións IP numéricas, de xeito que se introducimos un nome de dominio no navegador afectado como o viñamos facendo habitualmente, o ordenador contacta cun servidor fraudulento, e dirixe ao usuario a un sitio web ilexítimo.
Malia que ata o de agora diferentes organismos e autoridades a nivel internacional xa coordinaron funcións para mitigar esta ameaza e tratar de controlar os DNS fraudulentos, o certo é que existen moitos equipos infectados que seguen a funcionar con aparente normalidade, pois os DNS fraudulentos, segundo informaron, “están a ser investigados e aínda se seguirán a resolver nomes de dominio de forma controlada ata o vindeiro 8 de marzo”.
Chegada esa data, as autoridades competentes apagarán os devanditos servidores fraudulentos, o que provocará que tódolos usuarios infectados non poidan navegar, “ao deixar de funcionarlles o servizo DNS”, afirman.
É por isto que distintos organismos de seguridade en todo o mundo, a través do portal alemán DNSChanger.eu, están prestando soporte de balde para a desinfección de equipos durante este mes. Aquí en España é a Oficina de Seguridade do Internauta do INTECO a entidade encargada de redirixirnos a este servizo, o cal, sen rexistro e sen dar ningún tipo de datos, comproba a dirección IP do ordenador dende onde se fai a consulta e informa se está ou non infectado polo virus DNS Changer.
En caso afirmativo, dende a OSI poñen a disposición dos internautas unha serie de recomendacións e pasos a seguir para desinfectar o equipo, que dependerán de se temos instalado Windows, Mac ou Linux.
Malia todo, no caso de seguir con dúbidas, os usuarios poden solicitar axuda personalizada a través do foro da OSI ou o seu servizo de soporte por chat.

PUBLICIDADE