O ITG coordina probas de voos con drons de vixilancia portuaria en PortCastelló
venres, 7 de febreiro do 2025
A Autoridade Portuaria de Castelló acolleu esta semana unha demostración do uso de drons en contornas portuarias dirixida polo centro tecnolóxico galego ITG (siglas de Instituto Tecnolóxico Galego), con sede na Coruña. Nela realizáronse probas sobre casos de uso con drons autónomos, a fin de avaliar o potencial da súa implantación na contorna portuaria. En concreto, púxose en práctica a tecnoloxía desenvolvida por ITG para as operacións autónomas de drons e a súa integración segura no espazo aéreo, a través da súa plataforma DroneSuite e o seu hangar robotizado DroneSafeBox.
O obxectivo das probas é “demostrar as capacidades específicas e facilitar ao porto de Castelló un primeiro contacto con esta tecnoloxía de operacións con vehículos non tripulados (UAV) autónomos e desatendidos, permitindo aliñar necesidades e aplicacións destas tecnoloxías para os casos de uso do porto”, sinalou o ITG.
O presidente de PortCastelló, Rubén Ibáñez, destacou que “dados os bos resultados da aplicación desta tecnoloxía en portos como o da Coruña ou Ferrol, queriamos valorar in situ as vantaxes da súa implantación no porto de Castelló adaptándoas ao terreo e ás nosas necesidades, xa que o seu uso permitirá gañar en seguridade e daranos un maior control das operativas”. Engadiu que “o emprego de drons para o servizo de vixilancia e para a supervisión das infraestruturas e as operacións portuarias vai medrar nos vindeiros anos polas súas amplas capacidades en materia de seguridade e vixilancia, dominio público, emerxencias ou control ambiental, e non queriamos ficar atrás”.
Pola súa banda, Analía López Fidalgo, directora de Sensórica e Sistemas Aéreos non Tripulados de ITG, explicou que “estas probas dan continuidade ás realizadas recentemente nos portos da Coruña e Ferrol, nas que coordinamos a demostración de seis casos de uso na contorna portuaria despregando ante medio centenar de empresas e entidades públicas as posibilidades da nosa tecnoloxía de control de drons autónomos que operan 24x7”.
López Fidalgo engadiu que “desde ITG poñemos ao dispor de PortCastelló a IA, a robótica, a electrónica e as comunicacións que permiten que as operacións con drons sexan automatizadas, seguras, integradas no espazo aéreo e viábeis economicamente”.
Drante a misión realizouse unha vixilancia exhaustiva do perímetro do porto de Castelló a fin de identificar posíbeis anomalías ou intrusións e avaliar o estado das infraestruturas para garantir a seguridade das instalacións. En canto a inspección de provisións e ocupación de superficies, nas probas supervisáronse as áreas de provisión do Porto de Castelló, asegurando un control eficiente dos materiais almacenados, ao obxecto de optimizar a xestión de recursos e detectar hipotéticas irregularidades no almacenamento.