O ITG creará tecnoloxía para fomentar a xeración de enerxía verde en portos
xoves, 21 de setembro do 2023
- O porto de Ferrol nunha imaxe de Turismo de Galicia
O
Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)
lidera un consorcio europeo dirixido a mostrar o papel esencial da
dixitalización na descarbonización dos portos e no consumo e
xeración eficiente de enerxía verde. Para iso, crearanse tres
proxectos piloto, nos portos de Ferrol, Granadilla (Tenerife) e
Leixões (Porto).
O
consorcio, denominado ENEPORTS, conta cun orzamento de máis de 2,8
millóns de euros, financiados en parte pola convocatoria de Interreg
Atlantic Area, e nel participan, ademais de ITG, a Autoridade
Portuaria de Ferrol, de Tenerife, Leixões (Portugal) e Galway
(Irlanda); así como a Universidade de Galway, Builders École
d’Ingénieurs e o Instituto Tecnolóxico e de Enerxías Renovables
de Tenerife.
En
palabras de Santiago Rodríguez Charlón, director da área de
Enerxía de ITG, “grazas a esta iniciativa, que se porá en marcha
en novembro deste ano e finalizará a finais de 2026, os tres portos
participantes converteranse en banco de probas de laboratorios de
enerxía renovábel terrestre e mariña, preparándose para fornecer
electricidade limpa a buques e aos seus concesionarios, incluídos
fabricantes de enerxía sustentábel, e para facilitar a conexión e
probas de prototipos destas enerxías, aproveitando os recursos
locais e a proximidade ao mar”.
ENEPORTS
incluirá a despregadura nos portos de sistemas de almacenamento ou
produción de hidróxeno, así como alimentación eléctrica para o
transporte marítimo e terrestre, e incrementarase a enerxía verde
dispoñíbel a partir de diferentes tecnoloxías, impulsando o
desenvolvemento tecnolóxico e económico e creando comunidades
enerxéticas na súa contorna. En total, os portos de Ferrol,
Granadilla e Leixões prevén a instalación de máis de 70 megawatts
ata 2030.
Segundo
explica o ITG, un dos grandes retos desta despregadura é a xestión
eficiente dos fluxos de enerxía xerada por fontes renovábeis e a
integración da hibridación de tecnoloxías de forma segura,
mantendo a calidade da subministración enerxética”. Ao fío
disto, os tres pilotos demostrativos de ENEPORTS permitirán examinar
como a dixitalización e a IA poden contribuír á xestión eficiente
de fluxos enerxéticos.
Estes
pilotos baséanse no desenvolvemento de plataformas intelixentes para
a monitoraxe e xestión da enerxía. A despregadura nestes portos “é
a forma de demostrar na práctica a viabilidade das comunidades
enerxéticas renovábeis portuarias”, explica o ITG, engadindo que
“estas plataformas utilizarán algoritmos preditivos, xemelgos
dixitais, machine learning e ferramentas avanzadas de análises
para controlar eficientemente os fluxos enerxéticos e as regras de
mercado interno de enerxía, mentres se aseguran a interoperabilidade
e a ciberseguridade”.
Ademais,
ENEPORTS estudará a viabilidade da utilización, nunha zona
portuaria, dun novo dispositivo multifonte que produce enerxía a
través da tensión dos cabos de amarre, en combinación cunha
turbina hidráulica e paneis solares. Amais, probarase a viabilidade
dun dispositivo de sistema de enerxía en terra (OPS) para
remolcadores, baseado nun xerador de combustión alimentado por
hidróxeno, e compararase con outras alternativas existentes.
ITG
achega a súa experiencia no desenvolvemento de tecnoloxía para
comunidades enerxéticas, que adaptará para cada área portuaria no
marco de ENEPORTS, da man de ITER, Universidade de Galway e as
autoridades portuarias, instalando sistemas específicos de
monitoraxe e control e desenvolvendo xemelgos dixitais dos sistemas
renovábeis. A maiores, o ITG apoiará ás autoridades portuarias no
deseño da metodoloxía para o despregadura de laboratorios
renovábeis, e colaborará nas demostracións de viabilidade do
sistema multifonte e do OPS con hidróxeno