O ITG incorpora IA nos novos modelos de economía circular dos residuos industriais

xoves, 22 de xuño do 2023 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participa nunha macro-iniciativa europea que permitirá tratar residuos xerados en contornas industriais para reutilizalos en forma de rega, fertilizantes, bioplásticos e enerxía (como metano e hidróxeno). Trátase do programa SYMSITES, no que participan 30 socios de 8 países co obxectivo de avanzar cara a unha economía circular real. Liderado desde España por AITEX, o centro tecnolóxico ITG foi o anfitrión e organizador na Coruña da asemblea xeral, que reuniu durante dous días a investigadores de todas as entidades participantes para analizar os avances deste consorcio europeo.
Para o desenvolvemento destas solucións deseñáronse catro EcoSite en España, Dinamarca, Austria e Grecia, que son contornas baseadas en EDAR, industrias ou empresas agrícolas as cales formarán un centro de recolección de augas residuais, biorresiduos e refugallos non reciclábeis xerados por contornas urbanas e industriais. “O tratamento destes residuos”, explica o ITG, “permitirá xerar auga limpa, enerxía, produtos reciclados (lodos, biogás) e produtos de alto valor engadido, como fertilizantes, para unha segunda vida”. O instituto galego engade que cada un dos EcoSite está centrado nun tipo de actividade industrial. Así, en España (Alcoy) trataranse residuos dos sectores da cosmética e o téxtil. En Dinamarca serán residuos derivados da actividade cervexeira e da agricultura local. En Austria, pola súa banda, traballarase coa industria cárnica e en Grecia, coa do aceite de oliva.
SYMSITES desenvolverá novas tecnoloxías e metodoloxías de participación entre os participantes para probar o concepto de Simbiose Industrial-Urbana (i-US). É dicir, estes catro EcoSite xerarán enerxía, residuos tratados (convertidos en novos recursos) e fluxos de augas residuais tratadas entre entidades urbanas e industriais.
Respecto do papel xogado polo ITG, o instituto lidera o desenvolvemento dos sistemas de información do proxecto, a través da combinación de diversas técnicas de Intelixencia Artificial e cálculos clásicos. Faino co deseño e programación dun sistema de información cunha tripla perspectiva:
• O soporte aos novos procesos de tratamento, que se levará a cabo mediante o desenvolvemento de xemelgos dixitais para o tratamento avanzado dos residuos e auga, utilizando IoT (Internet das Cousas) e a xeración de modelos baseados en técnicas de Machine Learning e Deep Learning (Aprendizaxe Máquina e Aprendizaxe Profunda).
• A análise territorial do potencial destes novos modelos de economía circular, que permitirá analizar a viabilidade da simbiose urbano industrial baixo tres dimensións; a técnica (capacidade de tratamento dos procesos), a ambiental e a económica.
• O soporte á análise de impacto de novas políticas públicas; desenvolvida pola empresa italiana Klink, permitirá analizar o impacto social en variábeis como o emprego, ou a economía.
Juan Luis Sobreira Seoane, director da División de Innovación Aberta de ITG, destaca que “SYMSITES fará posíbel que as emisións de gases de efecto invernadoiro sexan case nulas nestas contornas e que haxa vertedura de auga case inexistente. Permitirá así mesmo a valorización do 70% da enerxía e reducir nun 50% a xeración de residuos industriais. A dixitalización que abordamos permitirá dar soporte ás decisións políticas tendo en conta a dimensión social, e favorecer a comercialización e casación da oferta e a demanda ao redor dos produtos resultantes como o biogás, a auga reciclada, os bioplásticos ou os fertilizantes, entre outros. É un orgullo reunir na Coruña a expertos internacionais en xestión urbana e darlles a coñecer por unha banda a tecnoloxía que desenvolve o noso centro tecnolóxico, e por outro a cultura, gastronomía e historia de Galicia a través de diferentes actividades de lecer paralelas ao encontro”.

PUBLICIDADE