O ITG lanza a primeira agrupación industrial española de mobilidade aérea innovadora

mércores, 31 de xaneiro do 2024 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) lanzou xunto con INECO (a enxeñería pública dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel) e o foro internacional sobre drons de referencia en Europa Expodrónica, a que sería a primeira agrupación industrial española enfocado á mobilidade aérea innovadora.
Segundo explicou o centro galego, o lanzamento da Asociación Agrupación Industrial SIAM (Spanish Innovative Air Mobility), cuxa vicepresidencia ostenta ITG e no que tamén participan a tecnolóxica NTT DATA e o despacho de avogados Pinsent Masons, supón “un impulso decisivo para un sector clave no futuro da mobilidade aérea en contorna urbana e rexional, permitindo posicionar a España á vangarda desta industria en pleno crecemento”.
O SIAM, engade o ITG, busca apoiar a nova era da mobilidade aérea de pasaxeiros e de carga mediante o uso de vehículos autónomos eléctricos de despegue e aterraxe vertical.
A agrupación industrial SIAM nace para constituírse en punto de encontro dos diversos axentes do sector: empresas mercantís, unidades de investigación, asociacións e outras entidades con vocación nacional e internacional; permitindo aglutinar as necesidades da industria ante organismos gobernamentais españois e europeos, así como fomentar o desenvolvemento tecnolóxico a través da colaboración entre centros de investigación, o tecido produtivo, empresas do sector e administracións públicas de transporte de mercadorías e pasaxeiros nas cidades, e a dotación de infraestruturas que permitan operar vehículos autónomos na contorna urbana.
Desta forma, “a creación de SIAM facilitará a entrada da innovación no mercado a través da colaboración na creación de novos modelos de negocio”, explica o ITG.
A primeira xornada impulsada no marco de agrupación industrial SIAM, celebrada na sede de INECO o venres 26 de xaneiro, estivo enfocada aos vertiportos, infraestruturas para a aterraxe e despegue de drons que, segundo informou o ITG, “son claves no futuro da mobilidade urbana”.

PUBLICIDADE